
Ao día!

Como transformar as augas residuais en enerxía renovable
No contexto dunha economía descarbonizada e circular, os gases renovables están chamados a xogar un papel crucial como fonte de enerxía. Ademais, cada vez existe unha maior demanda de novos combustibles alternativos e neutrais, o que implica a necesidade de avanzar na investigación e implementación de tecnoloxías que demostren a súa viabilidade técnica, económica e ambiental.
Neste contexto nace a Unidade Mixta de Investigación de Gas Renovable, impulsada co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación. Trátase dun proxecto conxunto de Naturgy, o Centro Tecnolóxico EnergyLab e a EDAR Bens, empresa pública supramunicipal que presta o servizo de depuración de augas residuais nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.
A orixe da Unidade Mixta remóntase a 2016. A primeira fase, que se desenvolveu ata 2019, centrouse en aumentar o coñecemento nos procesos de produción de gas natural renovable ou biometano no sector das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR). Conseguíronse resultados moi notables, como a posta en marcha na depuradora de Bens dunha planta de purificación baseada en membranas e da primeira planta de metanación biolóxica en España. Ademais, o biometano xerado nestes proxectos piloto está a usarse actualmente como combustible alternativo na frota de furgonetas de EDAR Bens e nun autobús metropolitano adaptado.
Novas liñas de investigación
Na actualidade, a Unidade Mixta atópase nunha segunda fase de consolidación co obxectivo de seguir avanzando no traballo desenvolvido e na que se aposta pola investigación doutros gases renovables, como o hidróxeno verde, o biohidróxeno e o syngas, o que permitirá avaliar o seu impacto nas infraestruturas actuais e consumidores finais.
No caso concreto do hidróxeno verde, desenvolveranse actividades dentro de toda a cadea de valor, englobando a produción, o transporte, o almacenamento e o seu uso final. Por unha banda, a xeración de hidróxeno está a investigarse a través dun proceso biolóxico denominado fermentación escura, no que o lodo aerobio da EDAR Bens é a materia prima que se converte en biohidróxeno. Doutra banda, está a estudarse o uso do lodo anaerobio da depuradora como combustible sólido nunha planta de gasificación situada nas instalacións de EnergyLab.
Ademais, estúdase o impacto do uso dos diferentes gases renovables e as súas mesturas. Por exemplo, para a inxección á rede de gas e o seu uso en aplicacións estacionarias e móbiles (vehículos). O proxecto ten a capacidade para cubrir as necesidades enerxéticas anuais de preto de 2.800 vivendas e abastecer unha frota de 3.000 turismos ou máis de 60 buses urbanos.
Esta Unidade Mixta non só contribúe á eficiencia enerxética e a sustentabilidade ambiental na área do tratamento das augas residuais, senón que os seus resultados tamén poden ser aplicados en sectores clave da economía galega, como a industria alimentaria ou no sector agrogandeiro, axudando a posicionar Galicia como unha rexión europea de referencia na produción e aplicación do gas renovable como novo vector enerxético.