
Ao día!

Aberta unha nova convocatoria de axudas para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal galego
A Xunta de Galicia pon en marcha estes apoios coa intención de modernizar o sector e facelo máis competitivo, promovendo a oferta de produtos de calidade e deseños únicos que melloren a experiencia de compra. A dixitalización é outra das ferramentas clave para afianzar o recoñecemento dos establecementos comerciais retallistas galegos e o seu posicionamento no mercado, obxectivo prioritario da convocatoria.
Comercio e artesanía deben amoldarse a unha realidade que cambiou substancialmente durante os últimos anos, así como dar resposta aos novos hábitos de compra dos consumidores. Para iso, é esencial a introdución de novas tecnoloxías dirixidas a transformar dixitalmente os seus negocios de forma progresiva e ese é precisamente o obxecto destas axudas.
En que consisten as axudas?
O programa conta cunha dotación de tres millóns de euros, cantidade que se poderá incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito. A convocatoria establece dous módulos diferentes e os solicitantes optarán a un ou outro dependendo do seu grao de dixitalización:
- Módulo I: dixitalización básica da contorna comercial omnicanal e posta en marcha da actividade comercial con venda en liña.
- Módulo II: mellora de ferramentas de márketing dixital e sistemas dixitais e outras actuacións de dixitalización comercial.
Quen pode solicitalas?
As axudas diríxense a talleres de artesáns que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e a comerciantes retallistas que cumpran os seguintes requisitos:
- Que desenvolvan a súa actividade comercial e teñan domicilio social en Galicia.
- Que non teñan a consideración de gran establecemento comercial.
- Que teñan a condición de peme.
- Que teñan un número de empregados/as igual ou inferior a 20.
- Que estean dados de alta nalgúns dos epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III da convocatoria, que se poden consultar nesta ligazón.
- Que desenvolvan a actividade para a que vai dirixida a subvención.
- Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados.
Como solicitalas?
As solicitudes poderán enviarse ata o 28 de marzo e terán que axustarse ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV da convocatoria. Os interesados deberán presentalas obligatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Máis información: https://galiciaempresa.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=CO300C&ano=2023&numpub=1&lang=gl