
Ao día!

Entrevista a Jorge Cebreiros, presidente da Confederación Empresarial de Pontevedra
Cales son as fortalezas e vantaxes competitivas do tecido empresarial de Pontevedra?
A nosa principal fortaleza é o seu capital humano no seu conxunto e, por suposto, as nosas organizacións empresariais, incluída a Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP). Somos unha provincia cuxo sector privado se caracterizou polo seu empuxe e dinamismo, pola súa capacidade de adaptación, polo seu afán internacionalizador e innovador… A proximidade con Portugal é un factor ao noso favor, que xera unha gran sinerxía e complementariedade entre sectores produtivos.
Temos a única Zona Franca do Noroeste peninsular, os tres portos de interese xeral, así como centros tecnolóxicos punteiros, e unha estreita colaboración coa Universidade de Vigo. O potencial desta provincia susténtase na suma de todos estes factores.
Como impactarán os fondos Next Generation?
Ata a data, a chegada dos fondos, sobre todo a autónomos e pemes foi decepcionante. Ata 2025 queda marxe para esa transferencia. Na CEP estamos convencidos de que o seu papel é crucial para que moitos proxectos viables obteñan o financiamento que necesiten para consolidarse ou manterse durante este 2023. Nos últimos dous anos o empresariado fixo fronte e sobrepúxose a moitas dificultades. En función dos sectores ou do tamaño das empresas, a recuperación foi desigual. Cremos que a maioría das pemes non recuperaron o nivel de actividade previo á pandemia ou á guerra de Ucraína. Desde a confederación sempre defendemos que somos os principais xeradores de emprego, riqueza e prosperidade. Esta é a nosa responsabilidade. As administracións públicas deben garantir condicións favorables ao crecemento e progreso. E aí é onde nace a nosa lexítima demanda de obter o recoñecemento, e, sobre todo, o apoio necesario.
Galicia vai pechar en 2022 un dos ciclos de exportacións mellores da súa historia e Pontevedra é unha das provincias máis exportadoras de España. Cales son as claves destas cifras?
Os nosos sectores estratéxicos tradicionais e emerxentes teñen un elevado nivel de internacionalización. Nos últimos exercicios, a pesar dos dous cisnes negros que supuxeron primeiro a pandemia e o comezo da guerra de Ucraína despois, incrementamos o valor das nosas exportacións e compensado a balanza comercial con menos importacións.
É indiscutible o seu peso económico no conxunto de Galicia, falamos de automoción e pesca, pero tamén de reparación e construción naval, agroalimentario, pedra natural, forestal, turismo…
Cales son os retos da industria do futuro?
O primeiro reto sempre é manter o emprego. O empresariado ten a obrigación de ser exemplar na súa actividade, impulsando a igualdade de oportunidades e salarios, a responsabilidade social empresarial e a sustentabilidade, ademais de asumir o cambio de modelo enerxético.
Ademais do naval, a automoción e a pesca, que sectores emerxentes son estratéxicos na provincia?
A industria do entretemento -a produción de contidos audiovisuais- parece descubrir o potencial de Pontevedra como destino de gravacións. Tamén a industria aeronáutica e as enerxías renovables.
Doutra banda, aínda hai marxe para xerar valor engadido en actividades tradicionais, como no sector agroalimentario, a automoción ou a construción naval, onde somos punteiros en moitos campos. Esta provincia é un magnífico polo de atracción para novos sectores.
Por que o Corredor Atlántico é unha infraestrutura loxística clave?
O desenvolvemento desta infraestrutura é irrenunciable polo potencial do seu tecido produtivo, poboación beneficiada, extensión territorial, situación xeoestratéxica, longa e sólida traxectoria de cooperación transfronteiriza e de colaboración entre organizacións empresariais afíns, entre outros factores.
Todo o noroeste necesita imperativamente estar conectado coa Meseta e con Europa a través de alternativas que permitan superar os actuais modelos loxísticos, tendendo cara á sustentabilidade e a eficiencia. Nisto non imos transixir. O transporte de mercadorías por ferrocarril e a intermodalidade son a base da loxística do futuro e Galicia non pode permitirse o luxo de continuar illada.
Desde a CEP continuaremos reivindicando que se dean os mesmos recursos ao Corredor Atlántico Ferroviario de mercadorías que os que recibiu o Corredor Mediterráneo. Cando reclamabamos a inclusión das CCAA do noroeste no seu trazado, reunimos a quenes foron capaces de entender que Galicia, Asturias e Castela e León se xogaban o seu futuro económico e social neste proxecto. Non cederemos. Nin retrocederemos. Polo conseguido no pasado, pola reivindicación presente e pola necesidade de garantir un futuro próspero ás xeracións vindeiras.
Unha das principais demandas da CEP é tamén a saída Sur. Que impacto tería para o tecido empresarial da provincia?
A saída Sur é unha infraestruturas estratéxica e irrenunciable para o crecemento e o progreso socioeconómico non só de Pontevedra, senón da propia Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, por cuxa fronteira pasa o 85% dos intercambios comerciais entre España e Portugal.
A competitividade das nosas empresas depende diso. Como apuntamos sempre a nosa situación xeoestratéxica pode verse como unha debilidade -porque somos unha rexión periférica dentro da Unión Europea-, pero tamén como unha fortaleza -porque somos porta de entrada e saída entre o continente europeo e outros continentes, como América ou África-.
É preciso alcanzar o máximo nivel de interconectividade posible, como ben puxo de relevo o programa europeo CoLogistics, que liderou a CEP e no que contamos con socios como a propia Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo, a Asociaçao Empresarial de Portugal (AEP), o Porto de Leixoes ou a Cámara Municipal de Famalicao.
Afortunadamente temos da nosa parte ao Goberno de Portugal, que é plenamente consciente da importancia deste territorio en termos económicos e que empuxa, desde hai varios anos, nesa mesma dirección: a do desenvolvemento de infraestruturas que axilicen e afiancen unha interdependencia máis que real das empresas galegas e o tecido produtivo luso. O Goberno de España debería reconsiderar a súa postura e coordinar os seus esforzos co portugués.