
Ao día!

Nova convocatoria de Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2023
Desde a súa primeira edición no ano 2015, os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia repartiron máis de 170.000 euros en recoñecemento ás mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo, traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía.
A iniciativa, organizada pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) co apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain), xorde ao redor da premisa de que a adecuada transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo está considerada como unha estratexia prioritaria a nivel global para incrementar o desenvolvemento socioeconómico de calquera territorio. Trátase de procesos que convén recoñecer a través de casos de éxito e deben ser trasladados á cidadanía para que poidan servir de referente tanto para investigadores como para empresarios galegos.
Premios 2023
Nesta novena edición, os premios divídense en tres categorías diferentes. Mentres que as dúas primeiras categorías están dirixidas ao persoal adscrito a centros tecnolóxicos e de investigación situados en Galicia, á terceira poderán optar empresas galegas ou que conten cun centro de traballo na comunidade.
- Premio “Francisco Guitián Ojea”, que busca premiar un traballo de investigación aplicada para recoñecer a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia.
- Premio “Fernando Calvet Prats” para un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, froito da colaboración cunha empresa, sendo válido calquera mecanismo de transferencia desde o grupo á empresa (adquisición de patente, proxecto conxunto, spin-off, etc.).
- Premio “Ricardo Bescansa Martínez”, que distingue un caso de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía transferida, resultado da colaboración cun grupo de investigación galego.
Como participar?
O prazo abriuse o pasado 15 de febreiro e aceptaranse solicitudes ata o próximo 15 de abril. As candidaturas tramitaranse de forma telemática, a través dun formulario específico para cada categoría habilitado nas webs da RAGC e de Gain. O formulario debe ser enviado á dirección de correo electrónico ptt@ragc.gal unha vez cuberto.