
Ao día!

Impulsando a innovación galega en Europa
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, participa en tres novos proxectos europeos de colaboración en innovación financiados pola Comisión Europea, que mobilizarán máis de 1,1 millóns de euros na Comunidade e permitirán impulsar a dixitalización da industria galega, en especial das pemes, e aumentar o impacto do Polo Aeroespacial de Galicia no tecido produtivo, así como impulsar novas liñas de traballo e proxectos de innovación en colaboración internacional.
Entre os tres proxectos suman a participación de entidades de máis de 30 rexións europeas, como administracións rexionais, centros tecnolóxicos e empresas.
AI Redgio
AI Redgio (Regions and Digital Innovation Hubs alliance for AI-driven digital transformation of European Manufacturing SMEs) enmárcase no Horizonte Europa, o programa marco de financiamento a nivel europeo. Por parte de Galicia, ademais da Axencia Galega de Innovación, participan o centro tecnolóxico Gradiant e a empresa Innolact (Castro de Rei, Lugo), mobilizando en Galicia máis de medio millón de euros.
O obxectivo do proxecto é realizar demostracións para comprobar as vantaxes da intelixencia artificial en empresas de fabricación e transformación. Para iso, ofreceranse ás empresas actividades acordes co concepto de fábricas didácticas ou de aprendizaxe nas que se abordan problemas e retos reais industriais.
Ademais, AI Redgio dedicará parte do seu financiamento en apoiar ás pemes para que experimenten coa intelixencia artificial organizando convocatorias específicas de financiamento en fervenza.
Best DIH
Best DIH é un programa financiado por Interreg Europe e centrado en apoiar a dixitalización das empresas.
Concretamente, impulsarase a colaboración e oferta de servizos conxuntos entre os hubs de innovación dixital (DIH) de diferentes rexións, especialmente entre os designados EDIH (European Dixital Innovation Hub) pola Comisión Europea.
En Galicia, coa participación da Axencia Galega de Innovación, mobilizará 388.000 euros, cos que se favorecerán novas iniciativas de colaboración en materia de innovación dixital entre os hubs e as empresas das rexións participantes.
MAE
Finalmente, MAE (Moving Towards Aerospace) é unha iniciativa financiada polo programa Interreg Europe e servirá de apoio á actividade que está a desenvolver o Polo Aeroespacial de Galicia. Cun investimento na Comunidade de 188.600 euros, servirá para deseñar, xunto con outros programas similares doutras rexións participantes, novos mecanismos e programas que permitan maximizar o impacto destas iniciativas nas empresas.
Tamén favorecerá o impulso de novas liñas de traballo e proxectos de innovación en colaboración transnacional que poderían presentarse ás convocatorias de Horizonte Europa presentadas recentemente pola Comisión Europea para o período 2023-2024.