Inicio
Actualidade

Ao día!

04/04/2023

Smartz4milk, proxecto tractor candidato ao Perte Agroalimentario

Comparte este artigo

A iniciativa, orientada a modernizar e dixitalizar o sector lácteo e liderada por Clusaga, prevé un investimento de 25 millóns de euros

O proxecto Smartz4milk, para o que se prevé un investimento de 25 millóns de euros e que aglutina a 19 empresas da industria, centros tecnolóxicos e de coñecemento, persegue impulsar a investigación e posterior aplicación de melloras nos procesos de produción do sector en Galicia. Trátase dun traballo en equipo, unha colaboración multidisciplinar que implica ámbitos como a investigación e a dixitalización ou o desenvolvemento tecnolóxico a favor da optimización da calidade e a cantidade da produción láctea.

Smartz4milk caracterízase pola colaboración público-privada entre organismos de diferentes comunidades de España (Asturias, Cantabria, Cataluña, Valencia e Andalucía, ademais de Galicia) e de diferentes áreas de actividade: empresas da industria láctea como Leite Río, Clun, Leite Celta, Naturleite, Quesería Prestes, Queizuar, Bico de Xeado, Capsa Food ou a Cooperativa Ganadera del Valle de los Pedroches; e compañías e centros tecnolóxicos e de coñecemento como o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Universidade de Vigo e a aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, o Centro Tecnolóxico, Embalaje, Transporte y Logística de Valencia (Itene), Amslab, Plexus Tech, ASM Soft, Sixtema, Inédit e Kersia.

O proxecto nace co obxectivo de promover a competitividade dunha industria estratéxica para a economía española, clave para unha comunidade como a galega que se erixe como líder nacional en produción de leite e sitúase entre as dez principais a nivel europeo, ademais de acumular a maior parte de grupos empresariais lácteos do país. Smartz4milk busca impulsar a modernización e dixitalización do sector, dotalo de ferramentas competitivas para afrontar eficazmente a adaptación e mitigación do cambio climático cumprindo os obxectivos para 2030 e 2050, automatizar procesos na medida do posible e xestionar as plantas de forma eficiente a través de modelos preditivos.

A intención é desenvolver unha nova ferramenta de trazabilidade integral que faga posible a integración da sustentabilidade e a dixitalización a través dunha sólida análise de proceso, ademais doutros datos vinculados a calidade, seguridade alimentaria e indicadores ambientais, que sirva para automatizar a toma de decisións. Tamén é proporcionar ás empresas da industria mecanismos de valor compartido grazas ao desenvolvemento dunha plataforma de datos na que poder coñecer a dispoñibilidade de materia prima para a predición de escenarios de produción.

O Perte Agroalimentario engloba un conxunto de axudas destinadas a reforzar o desenvolvemento da cadea agroalimentaria e dotala das ferramentas necesarias para afrontar os retos ambientais, dixitais, sociais e económicos da próxima década. Supón unha oportunidade única para Smartz4milk de conseguir financiamento neste proxecto que persegue modernizar e dixitalizar o sector lácteo.

Tamén pode interesarche