Inicio
Actualidade

Ao día!

05/04/2023

Un albariño ecolóxico galego que chega a todos os recunchos do mundo

Comparte este artigo

Inglaterra, Dinamarca, Alemaña, Estados Unidos, Canadá, Australia… Bodegas Corisca, beneficiaria do programa Galicia Avanza, leva comercializando o seu viño ecolóxico certificado nos mercados internacionais desde o ano 2012

Bodegas Corisca, unha pequena adega familiar situada entre os concellos de Tui e Salceda, elabora desde 2009 albariño certificado en ecolóxico da Denominación de Orixe Rías Baixas. Coa idea de recuperar esa elaboración dos viños de forma artesanal, a súa xerente, Natalia Rodríguez, decidiu apostar por un produto máis especializado cando colleu a substitución xeracional do seu pai, que era viticultor, tiña un viñedo e elaboraba simplemente o viño para a casa, vendendo a outras adegas máis grandes da contorna o resto da uva que producía nas súas dúas hectáreas.

A certificación do seu produto en ecolóxico era a maneira de garantir a calidade da uva e tiña claro que quería utilizar unicamente produtos naturais, ademais de optar por un proceso de elaboración o menos intervencionista posible, con fermentacións espontáneas e naturais.

“Decidimos internacionalizarnos porque era a mellor opción para comercializar un produto tan especializado coma o noso”

A idea de exportar xurdiu case nada máis empezar, como pura necesidade precisamente por esa especialización e o tipo de produto que comercializaban, máis valorado no estranxeiro que no propio mercado nacional. Aínda que cando foi seleccionada para formar parte de Galicia Avanza, a aceleradora promovida pola Xunta de Galicia desde Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense), Bodegas Corisca xa operaba internacionalmente, a súa participación no programa foi clave para contrastar certas suposicións, acabar de confirmar que a internacionalización era a vía correcta e sobre todo adquirir coñecementos que lles permitiron profesionalizar o proceso e facer a marca máis competitiva.

A aceleradora contribúe ao impulso de pequenos negocios familiares como o de Natalia: “Hai moitas cousas que aprendín a través de Galicia Avanza, especialmente en charlas e cursos de formación sobre marcas internacionais ou investigación de mercados dos que sacamos moito partido”.

Actualmente, Bodegas Corisca atópase en proceso de expansión, tratando de facer fronte á principal dificultade á que se enfronta para poder aumentar a súa produción: a falta de espazo. “Nós no noso caso particular non podemos aumentar moito a produción porque os prezos do terreo son prohibitivos e os tempos de colleita son os que son. Toda a produción que facemos é propia e estamos a buscar pequenos viticultores que nos poidan vender para poder seguir crecendo”.

Apoiando a internacionalización das pemes galegas

O programa Galicia Avanza, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), busca favorecer o acceso das pemes galegas ao mercado internacional desde a I+D+i e a sustentabilidade.

Trátase dun programa de aceleración de oito meses de duración con itinerarios personalizados en ámbitos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas participantes tamén poden acceder a mentorización e asesoramento, capacitación e formación comercial e técnica e encontros finais para darlles visibilidade.

Tamén pode interesarche