Inicio
Actualidade

Ao día!

11/04/2023

Xenética ao servizo da acuicultura

Comparte este artigo

A firma lucense Geneaqua ofrece os seus servizos ás empresas acuícolas para facilitar unha mellora da súa produción de maneira rendible e sostible

Acuicultura e xenética danse a man en Geneaqua (Genetic Technology for Aquaculture), unha empresa lucense de base tecnolóxica xurdida como spin off da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A súa orixe atópase no grupo de investigación da Facultade de Veterinaria Acuigen (Xenética para a acuicultura e a conservación de recursos biolóxicos).

Foi neste grupo, dirixido polo catedrático de xenética da USC Paulino Martínez Portela, no que Adrián Millán, xerente de Geneaqua, realizou a súa tese doutoral tras licenciarse en Veterinaria, e a través do que entrou en contacto co estudo da acuicultura e a xenética de peces. Tras anos de traballo, en febreiro de 2012 decidiron apostar dunha nova forma pola transferencia tecnolóxica e poñer a investigación e o coñecemento acumulado neste ámbito ao servizo do sector produtor acuícola.

Deste xeito, Geneaqua naceu coa misión de realizar unha xestión directa e máis comercial coas empresas, buscando atender de forma personalizada as súas necesidades específicas. “Somos asesores na toma de decisións xenéticas para a mellora no ámbito da acuicultura. O noso valor diferencial reside na compresión da problemática específica de cada cliente, ofrecendo solucións que se adapten ao seu proceso produtivo e ás súas posibilidades, tanto técnicas como económicas”, explica Adrián Millán.

A xenética aplicada á acuicultura permite, entre outras moitas posibilidades, optimizar a produción dos cultivos acuáticos, seleccionar individuos que posúan as mellores características en taxa de crecemento ou mellorar a resistencia a diferentes patóxenos e enfermidades.

Servizos a medida

Rodaballo, linguado, dourada, robaliza, salmón ou troita arco da vella son algunhas das principais especies que se cultivan en Europa no ámbito da acuicultura. O mercado de Geneaqua é global, xa que poden traballar con empresas de calquera parte do mundo. Abonda con que lles envíen unhas pequenas mostras biolóxicas dos individuos para analizar, a partir das cales poden extraer o ADN e analizar os marcadores moleculares específicos. Ademais da empresas galegas e do resto de España, ao longo da súa traxectoria prestaron os seus servizos tamén fóra das nosas fronteiras, a países como Portugal, Grecia, Ecuador, Nicaragua, Tunes ou Arabia Saudita.

En función da casuística de cada empresa e as súas necesidades, ofrecen diferentes servizos, entre eles, a análise xenética do stock de individuos reprodutores para avaliar a súa diversidade, estrutura xenética e familiar; a distribución dos individuos en tanques por mínimo parentesco e consanguinidade ou o desenvolvemento de plans de mellora xenética orientados, por exemplo, á maior resistencia a enfermidades.

A acuicultura do futuro

Fishboost foi un dos proxectos europeos que máis marcou a traxectoria da empresa. O seu obxectivo, desenvolto entre 2014 e 2019, foi a mellora da eficiencia e a rendibilidade da acuicultura europea mediante o impulso da selección xenética. En Geneaqua centráronse no desenvolvemento xenómico do rodaballo. Se antes analizaban de forma habitual 8 ou 10 marcadores de cada peixe, grazas ás novas técnicas de secuenciación masiva, agora dispoñen de máis de 25.000 marcadores moleculares, o que permite deseñar plans específicos para abordar caracteres de resposta máis complexa que o crecemento, como a resistencia a enfermidades ou diferentes caracteres polixénicos.

“A través deste proxecto entramos en contacto con algúns dos mellores grupos de investigación acuícola europeos, aprendemos novas técnicas para xerar recursos xenómicos que replicamos noutras especies e que nos permitiu un salto cualitativo para implementar a xenómica, que se materializa no desenvolvemento dun chip comercial que permite obter datos duns 5.000 marcadores cunha soa análise”, explica Adrián Millán.

Actualmente participan en AQUA-FAANG, un paso máis cara á acuicultura de precisión. Trátase dun proxecto de investigación sobre acuicultura financiado pola Unión Europea. O seu obxectivo é mellorar a nosa comprensión da complexa base xenética de diferentes caracteres biolóxicos nas seis especies de peixes máis importantes da acuicultura europea.

Tamén pode interesarche