
Ao día!

Aposta familiar polo campo e o benestar animal
“Non fabricamos ovos, coidamos galiñas”. Esta é a filosofía de Pazo de Vilane, unha empresa familiar especializada na produción de ovos campeiros de galiñas criadas en liberdade e pioneira en introducilos nos estantes dos supermercados.
A súa cofundadora, Nuria Varela-Portas, licenciada en Económicas e Empresariais, abandonou o seu traballo e a súa vida en Londres en 1996 para poñer en marcha xunto coa súa familia este proxecto e recuperar así o antigo pazo familiar do século XVIII, situado en Antas de Ulla, en pleno corazón da comarca da Ulloa (Lugo). “Moita xente creu que aquilo era unha tolemia: investir no campo nos anos 90 e, sobre todo, criando galiñas”, lembra. Pero continuaron coa súa aposta, convencidos de que podían sacar adiante un proxecto inspirador, ambicioso e con impacto no rural de Galicia.
A misión e os valores de Pazo de Vilane perfiláronse a través de moitas conversas dos Varela-Portas, como lembra Nuria, sempre coa idea clara de que querían facer as cousas dunha maneira diferencial, porque “non só se pode innovar cun laboratorio de I+D+i, senón a través das ideas, os procesos e os modos de facer”, remarca. “Tiñamos claro que queriamos crear unha marca paraugas que amparase produtos agropecuarios e que esa marca xestionase toda a cadea de valor”, explica. E así foi. Empezaron de cero con 50 galiñas poñedeiras. Hoxe teñen 220.000, que producen catro millóns de ducias de ovos ao ano, os cales se comercializan en todo o territorio nacional. Contan cun persoal de 50 persoas e 16 granxas, entre elas algunhas asociadas que aplican o seu mesmo modelo produtivo baixo supervisión diaria.
A sustentabilidade e o benestar animal foron dous eixos prioritarios desde o inicio: “Queriamos actuar baixo o principio de saúde única, é dicir: animais sans, persoas sas e medio ambiente san”. Os ovos campeiros de Pazo de Vilane diferéncianse dos demais pola forma na que coidan das galiñas. As aves dispoñen cada unha de 4 m2 de pasto verde no exterior. Así, un lote pequeno de 5.000 galiñas campeiras goza en exclusiva de 20.000 metros cadrados de leira. Iso, unido á alimentación e ao clima propio de Galicia, outorgan calidade, nutrientes e un sabor único ao produto.
O deseño foi tamén unha peza fundamental na estratexia da empresa. A súa icónica caixa de ovos campeiros é unha obra do deseñador Pepe Barro de 1997. “Deseñou unha caixa marabillosa e sen data de caducidade, que leva 25 anos funcionando e transmitindo os valores de Pazo de Vilane: naturalidade, sustentabilidade, benestar animal, coidado…”, explica. O envase, reciclable e reutilizable, recibiu varios premios e foi presentado en exposicións de deseño industrial. Ademais, forma parte do libro ABC DESEÑO. Dicionario do deseño e dá innovación en Galicia, editado pola Xunta e a Fundación Didac.
Tras 27 anos de andaina, Pazo de Vilane converteuse nunha peme de referencia. Nuria Varela-Portas recoñece que o camiño non foi fácil, pero asegura que o feito de ser unha empresa familiar achégalles “resiliencia e solidez “e remarca que o que máis lles moveu “é o amor por Galicia e polo proxecto”. Coa vista posta no futuro, o seu reto é seguir producindo produtos agropecuarios de calidade, baseados na sustentabilidade, a innovación e a mellora continua. “Queremos ser unha empresa que constrúa unha sociedade de futuro sostible: que sexa ambientalmente rexenerativa, socialmente xusta e economicamente inclusiva”, detalla. Non en balde, están evolucionado a súa filosofía a outra igual de inspiradora: “Coidamos galiñas coidando persoas”.