
Ao día!

A colaboración entre Gradiant e Telefónica consolídase na nova Unidade Mixta de Investigación: Irmas 2.0
O gran impacto que tivo este proxecto reflíctese no informe sobre a Situación da Ciberseguridade en Galicia elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta de Galicia, no que se recoñece como o principal axente na transferencia de coñecemento na cadea de valor produtiva de ciberseguridade
Tras o éxito da primeira Unidade Mixta de Investigación (UMI) entre Telefónica Tech e Gradiant co apoio da Xunta de Galicia, empresa e centro tecnolóxico apostaron por manter a súa colaboración e consolidar a iniciativa coa nova “Irmas 2.0: Information Rights Management Advanced Systems 2.0”, centrada na innovación en ciberseguridade.
O desenvolvemento e a implementación de tecnoloxías de seguridade para protexer tanto o negocio das empresas como aos seus clientes para poder beneficiarse das vantaxes da dixitalización con total garantía é un dos obxectivos prioritarios da alianza.
Resultado desta primeira colaboración entre ambas entidades co apoio da Xunta é o nacemento en 2018 de TEGRA Cybersecurity Center, o primeiro centro de Ciberseguridade de Galicia. TEGRA créase non só co obxectivo de desenvolver produtos e servizos para mellorar a seguridade da información das empresas, senón tamén coa intención de xerar emprego cualificado en I+D+i, un sector de gran demanda e potencial de crecemento.
Liñas de investigación
Así como na primeira fase a unidade centrouse na análise de datos para a protección da información, sistemas de control avanzado para o acceso a ela e o cifrado e a compartición segura de ficheiros, esta nova UMI busca evolucionar a tecnoloxía de mellora de solucións de seguridade desenvolvida na etapa previa, avaliar e validar escenarios de proba, propoñer proxectos de I+D+i a nivel europeo e concienciar sobre a importancia da ciberseguridade en Galicia. Para conseguir o cumprimento de tales obxectivos, centraranse nas seguintes liñas de investigación:
- Protección da información: desenvolvemento de modelos, técnicas e algoritmos que permitan descubrir e clasificar automaticamente a información, analizar riscos mediante a detección de anomalías no acceso á información e detectar filtracións de documentos.
- Protección contra a fraude dixital: desenvolvemento e integración de novas tecnoloxías para verificar a identidade das persoas con acceso á información.
- Ciberintelixencia: procesamento da información asociada a ciberameazas, utilizando os datos sobre os ataques a sistemas de información coa maior intelixencia posible para alcanzar coñecemento sobre as técnicas, tácticas e procedementos utilizados polos ciberdelincuentes e empregalos para unha protección máis efectiva.
Impacto en Galicia
Ao investimento de preto dun millón de euros de cada unha das organizacións súmase a achega da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), de máis de medio millón de euros de fondos FEDER mediante o programa de consolidación de Unidades Mixtas de Investigación, aliñado con retos e prioridades identificadas na Estratexia RIS3 para Galicia.
Que son as Unidades Mixtas de Investigación?
Trátase dun instrumento colaborativo que favorece a cooperación entre os organismos de coñecemento galegos e o tecido empresarial para impulsar de forma conxunta e coordinada actividades investigadoras, de innovación e desenvolvemento aliñadas cos retos estratéxicos da RIS3 de Galicia.
As axudas poden ser solicitadas polas agrupacións entre un organismo de investigación de Galicia e unha empresa, excepcionalmente dúas, que constitúan unha Unidade Mixta de Investigación. As empresas integrantes poderán ser pequenas, medianas e grandes.
Desde a posta en marcha deste programa en 2014 a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), apoiou con 48 millóns de euros un total de 55 unidades e centros mixtos que mobilizan case 155 millóns. Ademais, estas iniciativas contribúen á creación de emprego cualificado, ao impulso da transferencia de I+D+i ao tecido empresarial galego, á captación de empresas de fóra de Galicia, ao desenvolvemento das capacidades dos organismos de investigación galegos en sectores punteiros e á mellora da competitividade das empresas.