Inicio
Actualidade

Ao día!

16/05/2023

Entrevista a Deborah García Bello, química, investigadora e divulgadora científica galega

Comparte este artigo

“A ciencia proporciónanos un optimismo sensato”

Coñecida por achegar a ciencia aos usuarios de forma comprensible, elixida pola revista Forbes como unha das persoas máis influentes na comunicación científica en 2019 e posuidora dalgúns dos premios de divulgación científica máis prestixiosos do país, Deborah García Bello acaba de publicar “La química de lo bello”, un libro no que conxuga a súa visión científica e as súas vivencias para poñer o foco na arte e na beleza cotiáns.  

Sabemos apreciar esa química que forma parte da nosa vida diaria ou fáltanos cultura científica?

Hai persoas que teñen unha sensibilidade que lles permite apreciar o mundo que hai dentro do mundo, especialmente o que se oculta nas belezas cotiás. Algunha desas belezas gaña profundidade cando esa sensibilidade vai acompañada de coñecementos. A cultura científica proporciona un prisma diferente desde o que apreciar a beleza, pero por desgraza, é algo que escasea. Segundo os datos das enquisas sobre cultura científica, no noso país hai carencias moi fortes en conceptos básicos de ciencia, de aí que a metade da poboación recoñeza que non entende as noticias sobre ciencia. A cultura científica (ou cultura a secas) fainos máis xuiciosos, máis libres e, o máis importante de todo, máis felices porque o coñecemento é a forma máis sofisticada de pracer.

Existe unha fenda de comunicación entre a cidadanía e os investigadores e científicos?

Esta fenda existe e é algo que, ademais, temos medido. Comezando pola fenda entre as chamadas “dúas culturas”, as letras e as ciencias, e terminando polo problema de incultura científica que se acepta como normal –é imperdoable que alguén non saiba que Rosalía de Castro escribiu “Follas Novas”, pero escusamos que a maior parte da poboación non saiba que é o número pi ou que alguén considere que aprender a facer raíces cadradas é unha perda de tempo–. Hai unha falta de coñecemento de conceptos científicos, pero tamén hai descoñecemento por parte da cidadanía sobre como funciona a ciencia, a forma de buscar certezas que temos os científicos. Por iso é tan importante a figura do divulgador científico, porque somos profesionais disto, que sabemos como baixar a ciencia da súa torre de marfil e achegala a todo o mundo. Penso que non é unha tarefa que debamos esixir a todos os científicos e investigadores, debido a que non todo o mundo quere, sabe ou pode divulgar o seu traballo. É imprescindible saber moito dun tema para facer boa divulgación, pero saber moito dun tema non te fai bo divulgador.

As redes sociais axudan ou dificultan nesta tarefa?

As redes sociais son moi útiles para os divulgadores científicos e serven para difundir a ciencia, algo que algúns consomen como lecer e outros para aprender. Ambas son boas razóns. Con todo, ao haber menos filtros que nos medios de comunicación convencionais, é certo que é máis probable que un bulo prospere. Por iso é tan importante contar cunha boa base de coñecementos para saber discriminar que información é certa e cal non. E se o tema escapa aos nosos coñecementos, o bo das redes sociais é que dan acceso a persoas que teñen autoridade para falar con rigor destas materias e axudarnos a detectar onde están as certezas.

Como galega e muller científica, como animaría ás nenas e mozas a enfocar o seu futuro cara ás disciplinas STEM?

Ás nenas xa lles gusta a ciencia. Carreiras como química, bioloxía, farmacia, medicina, biotecnoloxía, enfermería etc., están cheas de mozas. As mulleres son maioría estudando carreiras STEM, as cifras están aí, son as que mellores notas sacan, son as que máis doutoramentos fan.

Ademais, paréceme machista suxerir que as nenas non saben escoller ben os seus estudos, que hai que guialas. En canto unha carreira ten maioría de homes parece que se converte na mellor carreira do mundo, a que ten máis futuro, a que deberían escoller as novas. Non podemos permitir que os homes validen as carreiras e os traballos. Informática era cousa de mulleres, as primeiras programadoras eran mulleres, pero minusvalorábanse. 

Se hai un problema ao que mirar nas carreiras STEM é o mesmo que en calquera outra profesión e chega na idade adulta. As mulleres desaparecen da carreira investigadora, dos postos de mando... O problema está aí, así que deberiamos poñer aí o foco, en resolver os problemas de adultos como adultos e deixar ás nenas en paz. 

Como valora o compromiso da Xunta co talento investigador a través do programa Oportunius?

Penso que a Xunta está a facer un traballo excelente promovendo o programa Oportunius. Grazas a el, temos a máis científicos que poden investigar con boas condicións económicas e laborais e coa estabilidade que merecen as persoas que demostran ser bos profesionais do seu.

Con isto gañamos todos: atráese o talento a Galicia e garantimos que a ciencia que facemos aquí seguirá sendo ciencia de primeiro nivel. Apostar pola ciencia é apostar a longo prazo, coas expectativas postas onde deben estar, no progreso e no benestar.

Para a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia é prioritario orientar a innovación para abordar os retos da sociedade. Cal é o papel da I+D+i na xeración de riqueza e benestar dun territorio?

En Galicia temos recursos naturais, intelectuais e, sobre todo, coñecemento cunha base moi sólida porque está na nosa tradición. En Galicia somos líderes en ciencia de materiais, en áreas que van desde os refrixerantes ata os materiais circulares, en intelixencia artificial aplicada ao diagnóstico de enfermidades neurodexenerativas, en xenómica... Cando na investigación e no desenvolvemento combinamos identidade e transversalidade (mesturar deseño con arte, química, bioloxía, arquitectura...), aparece a innovación que é o motor do futuro.

A innovación é a  transformación das ideas en riqueza. Neste contexto, riqueza significa saúde, benestar, progreso, futuro... Porque innovar é satisfacer as necesidades do futuro.

É importante que todo o mundo coñeza as aplicacións da ciencia e da tecnoloxía para afrontar os retos que xa temos diante. Poñer freo á innovación deixaríanos sen ferramentas, sen oportunidades. Con todo, a ciencia, ademais de ofrecer solucións, proporciónanos algo moi importante: un optimismo sensato.

Tamén pode interesarche