
Ao día!

Ser máis competitivos desde a eficiencia enerxética
Ser enerxeticamente eficientes non só nos fai máis sustentables, senón tamén máis competitivos. E construír unha Galicia que estea á altura dos retos do futuro, é responsabilidade de todos. Por este motivo, a Xunta pon ao dispor tanto dos cidadáns como das empresas todo tipo de axudas destinadas a este fin, para poder contribuír a desenvolver este modelo enerxético respectuoso co medio ambiente, cuxos eixos vertebradores deben ser o aforro, a eficiencia, o fomento das enerxías renovables e a diversificación enerxética.
Trátase de obxectivos prioritarios, xa que implican unha menor dependencia do exterior e unha redución importante de custos para a economía, polo que tamén cabe destacar outras medidas de ámbito global que abarcan a todos os sectores da sociedade, por exemplo campañas de información, divulgación e formación, así como un servizo de asesoramento e impulso das medidas de ámbito sectorial mediante axudas a proxectos de uso racional da enerxía.
Ademais doutras convocatorias abertas, ata o 15 de setembro está aberto o prazo de solicitudes para acceder a novas axudas destinadas ao aforro e a eficiencia enerxética das empresas galegas. Máis de 7,5 millóns de euros orientados a apoiar entre o 35 e o 55% do custo dos proxectos, dependendo do tamaño das firmas beneficiarias, para acompañalas na súa transición enerxética para conseguir un tecido empresarial máis sustentable. Un proceso que sen dúbida abre un camiño de oportunidades para as empresas galegas, axudándolles a crecer innovando e sen perder de vista aspectos chave como a descarbonización, a economía circular, a mobilidade sustentable ou a dixitalización.
- Axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e gran empresa do sector industrial.
Con prazo aberto ata o 30 de xuño, trátase de axudas orientadas á mellora da tecnoloxía en equipos e procesos industriais e á implantación de sistemas de xestión enerxética.
- Bono Enerxía peme.
Subvenciona ata un 80% dos investimentos en equipos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente a través de distintos tipos de bono:
- Bono asesoramento enerxético: para diagnósticos ou auditorías enerxéticas.
- Bono envolvente: para elementos de control solar.
- Bono iluminación: para renovación de equipos de iluminación.
- Bono instalacións eléctricas: para mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garantan unha subministración de calidade e fiabilidade.
- Bono equipamento: para renovación do equipo consumidor de enerxía como cafeteiras, lavadoras, secadores, ferros ou calquera equipo de consumo enerxético propio do establecemento sempre que se poida acreditar unha cualificación B ou superior.
- Bono climatización: para equipos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria.
- Bono inmótica: para sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente.