Inicio
Actualidade

Ao día!

23/05/2023

Unha segunda vida para materiais de construción

Comparte este artigo

O carácter innovador de Cupa Innovación, con sede en Vigo, foi recoñecido en 2020 co primeiro Premio Galicia de Innovación na categoría de gran empresa

Entre as 75 empresas que integran Cupa Group atópase Cupa Innovación, que desde o seu nacemento en 2006 liderou máis de 40 proxectos de I+D+i e obtivo máis de 20 patentes internacionais no sector. A actividade desenvolvida pola multinacional, cuxo orixe se atopa na canteira de lousa Solaina de Forcadas (Ourense), abarca toda a cadea de valor da pedra natural, dedicándose a desenvolver solucións innovadoras para mellorar a eficiencia enerxética e a sustentabilidade do mundo da construción coa creación de novos produtos.

Cupa Innovación xorde co obxectivo de centralizar nunha soa sociedade os esforzos en innovación que viñan realizando desde as distintas empresas do grupo, coa idea de que todas elas puidesen aproveitar as sinerxías e manter un equipo de I+D+i separado dos departamentos de operacións, produción e calidade que operase con autonomía, pero en constante comunicación e colaboración coas distintas unidades de negocio. Ademais de introducir no mercado produtos de alto valor engadido e mellorar os procesos industriais da compañía, Cupa Innovación xera valor na economía galega como empresa tractora que colabora con universidades, laboratorios, centros tecnolóxicos e pemes, desenvolvendo prototipos e validándoos en función de diferentes normativas europeas.

A xeración de emprego de alta cualificación nas zonas rurais onde se concentran os seus centros produtivos é outra das achegas da compañía, que realiza toda a actividade de I+D+i en Galicia e dentro dun sector chave para a economía como é o da minería que, por cada posto de traballo directo xerado, crea 2,5 indirectos. “Posicionar a Cupa Group como empresa tractora que inviste en dixitalizar e integrar as últimas tecnoloxías nos seus procesos, produce un efecto fervenza que fai crecer a empresas provedoras, atrae talento, xera emprego cualificado e fomenta a implantación de pemes en Galicia”, segundo explica o equipo de Cupa Innovación.

Durante os últimos anos, o seu equipo de enxeñeiros, con sede en Vigo, impulsou a modernización dos procesos produtivos da propia organización con tecnoloxías de extracción máis eficientes, Industria 4.0 (Big Data, internet das cousas, intelixencia artificial e robótica avanzada) e investigacións baixo o paradigma da economía circular para o aproveitamento de residuos.

O seu responsable destaca tamén o traballo realizado pola empresa en canto a “modernización do proceso produtivo da lousa, desenvolvemento de novas aplicacións con este material e sistemas construtivos máis eficientes, ademais da valorización de residuos en busca dunha segunda vida para as nosas materias primas”.

O desenvolvemento de solucións construtivas eficientes é unha das principais razóns de ser da compañía, o sistema de fachada ventilada con lousa natural Cupaclad, os paneis térmicos con lousa natural Thermoslate, o panel premontado de pedra natural Stonepanel e os paneis sándwich para envolventes Thermochip son bos exemplos diso.

O material de Cupa Group é producido ou seleccionado prestando especial atención ás esixencias de cada país e segundo a normativa oficial que se aplica segundo a zona, co obxectivo de ofrecer a mellor solución ao cliente. Os seus produtos cumpren cos estándares de calidade máis altos a nivel internacional, certificados por institutos públicos e entidades privadas, que permiten a súa entrada aos mercados e avalían positivamente o seu comportamento, diferenciándose así da competencia. Esta garantía de calidade avalada por organismos independentes compleméntase internamente con ensaios de produto, controis periódicos de calidade e sistemas de rastrexabilidade que permiten coñecer o estado do material desde a orixe ata o destino final.

Tamén pode interesarche