Inicio
Actualidade

Ao día!

25/05/2023

Tes unha empresa e estás a pensar en dar o salto á dixitalización?

Comparte este artigo

Aproveitar esta oportunidade é fundamental para poder estar ao día e garantir a supervivencia de case calquera tipo de negocio a longo prazo

Son moi diversos os beneficios que hoxe en día achega a dixitalización, desde incrementar a eficiencia de moitas das tarefas que se desenvolven a diario permitindo axilizalas e reducir considerablemente o seu tempo de execución, a aumentar exponencialmente a visibilidade do negocio ou mesmo comercializar produtos e servizos en mercados que doutro xeito nin sequera se poderían pensar.

Os primeiros pasos son sen apenas darse conta, quizais empezando simplemente por transformar os procesos en papel en procesos virtuais: facturación electrónica, compra de materiais en plataformas en liña, reunións virtuais a través de videochamadas, xestión de citas con clientes a través da web…

A crecente demanda por parte da cidadanía de relacionarse dixitalmente coas empresas e a cada vez máis avanzada tecnoloxía dos teléfonos móbiles fai moi necesaria para as empresas esa reconversión, tratando de diversificar opcións e flexibilizando ao máximo a maneira de presentar os seus produtos e servizos para adaptar a súa oferta e facela o máis competitiva posible.

Por que dar o paso?

  • Permite aforrar tempo axilizando moitas das tarefas do día a día grazas á automatización dalgúns procesos de forma sinxela. Pódense facer máis tarefas en menos tempo.
  • Axuda a ser máis eficientes permitindo centrarse nos aspectos máis importantes e estratéxicos do negocio e non tendo que atender outro tipo de cuestións máis simples.
  • Dá flexibilidade á hora de organizarse, grazas ás ferramentas dixitais pódese traballar desde calquera localización, planificar reunións con provedores ou clientes e mesmo atender pedidos en liña a través do correo electrónico ou plataformas de e-commerce, funcionalidade que permite incrementar exponencialmente a dimensión do público obxectivo. Ademais de trasladar tamén esa flexibilidade para o cliente, que poderá comunicarse coa empresa ou mesmo adquirir os seus produtos calquera día e a calquera hora.
  • Posibilita dar a coñecer o negocio a moita máis xente, facendo crecer por tanto o volume de clientes potenciais. A apertura de perfís corporativos nas redes sociais, por exemplo, pode cumprir unha dobre funcionalidade: por unha banda, poñer ao dispor do público unha nova canle de comunicación máis directa e fluída e, por outro, funcionar como altofalante para dar difusión a toda a información sobre a empresa que interesa dar a coñecer.
  • Axuda a ser máis competitivos. A transformación dixital pon ao alcance ferramentas que facilitan información en tempo real, axudan a analizar datos e interpretalos de modo que se poden sacar conclusións útiles para tomar decisións, implementar melloras ou solucionar problemas.

Axudas á dixitalización

Necesita apoio? En Galicia atopará diferentes tipos de axudas para adaptar o seu negocio aos novos tempos, entre elas as que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) pon ao dispor das empresas galegas para a dixitalización, Industria 4.0, destinadas a impulsar proxectos de implementación de sistemas dixitais para a interacción de negocio ou con clientes, dixitalización de procesos, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados ou sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas.

Se o está plantexando, non o dubide, a dixitalización abriralle máis portas das que imaxina. Dixitalizarse hoxe en día é, máis que unha opción, unha necesidade, non só para as grandes empresas senón para calquera tipo de negocio que pretenda ser competitivo.

Tamén pode interesarche