
Ao día!

A nova queixaría de Entrepinares, declarada Iniciativa Empresarial Prioritaria
Grupo Entrepinares, empresa do sector agroalimentario dedicada á fabricación de queixos e derivados lácteos, ampliará as súas instalacións en Vilalba (Lugo) coa construción dunha nova fábrica que permitirá ampliar un 30% a súa produción actual. Cun investimento de 20 millóns de euros en dous anos, a nova queixaría terá unha superficie superior aos 3.000 m2 e estará destinada á produción de queixos de mestura (vaca, ovella e cabra) en formato de 3 kg.
A futura fábrica, anexa á actual, sustenta o seu crecemento sobre o “notable incremento da demanda nacional e internacional das gamas de queixos elaborados con leite de vaca”, tal e como explica José Manuel García Bejines, CEO da compañía. Desde 2010, ano da posta en marcha da primeira factoría do grupo en Galicia, a estratexia de crecemento de Entrepinares estivo estreitamente vinculada ao desenvolvemento das súas instalacións en Vilalba, que viñeron absorbendo o groso dos investimentos e as novas liñas de produto da queixeira.
O proxecto xa recibiu o apoio da Xunta de Galicia declarándoo iniciativa empresarial prioritaria ao encadrarse nun sector de carácter estratéxico para o rural, como é o lácteo galego, que representa o 1,5% do PIB da Comunidade. “Galicia é a primeira potencia produtora de leite en España e este sector constitúe un dos principais motores da súa economía. Para impulsar a calidade destas producións e apontoar o tecido produtivo, é necesario que desde a industria transformemos, na propia rexión, o leite galego en produtos de maior valor engadido” engade García Bejines.
Neste sentido e coa posta en marcha destas novas instalacións, Entrepinares evitará que o leite recollido en Galicia se traslade a outras factorías do grupo, situadas en Valladolid e Madrid para a transformación. Unha estratexia de proximidade que contribúe ao desenvolvemento sustentable en dúas vertentes: por unha banda, impulsa a creación de emprego e o desenvolvemento socioeconómico da rexión e, por outra, reduce o impacto ambiental do transporte e as emisións de gases invernadoiro.
A nova factoría suporá a creación de entre 35 e 40 empregos directos, indefinidos e a xornada completa, sumándose aos aproximadamente 300 postos de traballo que xa sostén a compañía en Galicia.
Adicionalmente, o impacto hídrico desta ampliación será mínimo ao replicar na nova planta o proxecto Cow Water, xa implantado na actual queixaría. Esta tecnoloxía consiste na reciclaxe e posterior recirculación das correntes xeradas na instalación para reutilizalas posteriormente nos procesos industriais, xerando un sistema de recirculación de augas. “Desta forma redúcense os volumes e custos de efluentes e minimízase a demanda e a presión sobre a subministración de auga, impactando positivamente no medio ambiente”, engade o conselleiro delegado do grupo. O ciclo péchase co procesamento do soro lácteo na planta de Proláctea, situada no mesmo complexo industrial.