Inicio
Actualidade

Ao día!

02/06/2023

Entrevista a Lois Orosa, director do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga)

Comparte este artigo

“Estamos a vivir a segunda revolución cuántica” 

Lois Orosa, enxeñeiro en Telecomunicacións pola Universidade de Vigo e doutor en Arquitectura e Tecnoloxía de Ordenadores pola Universidade de Santiago de Compostela, dirixe desde o ano pasado o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), dependente da Xunta de Galicia. Conta con ampla experiencia investigadora internacional de primeiro nivel, tanto no eido da industria como no académico.

Que son as tecnoloxías cuánticas e por que é tan importante o seu impulso?

Estamos a vivir a segunda revolución cuántica, que consiste na manipulación dos fenómenos cuánticos e a información cuántica, o que abre unha porta de oportunidades moi grande. Esta revolución está sendo materializada coa fabricación dos primeiros circuítos físicos que implementan fenómenos que antes só eran unha teoría, como é o caso, por exemplo, dos computadores cuánticos, que son capaces de manipular información no dominio cuántico. 

O impulso destas tecnoloxías é unha aposta de futuro, xa que teñen un enorme potencial (como se demostra polos fortes investimentos a nivel mundial), pero tamén é certo que están nun estado aínda inmaduro, o que é un risco, pero ao mesmo tempo unha enorme oportunidade de posicionarnos nestas tecnoloxías.

O Cesga vén de adquirir co financiamento da Xunta un computador cuántico por 13,9 millóns de euros. Para que serve e cal será o seu impacto? Cre que será o elemento estratéxico do novo Polo de Tecnoloxías Cuánticas?

O principal obxectivo do computador cuántico é que sirva de catalizador para impulsar a investigación, o desenvolvemento e o coñecemento arredor da computación cuántica no noso ecosistema. De feito, os 13,9 millóns de euros non son só para o computador cuántico, senón que se inclúen outras accións como poden ser a creación dun Centro de Excelencia en Computación Cuántica, que terá como obxectivos atraer e desenvolver proxectos, captar talento, promocionar a computación cuántica, e transferir o coñecemento ao sector público e empresarial.

O computador cuántico vai servir para dúas finalidades fundamentais. Primeiro, para probar algoritmos cuánticos nun entorno real (e non simulado, como ata agora), o que permitirá aterrar e adecuar os algoritmos cuánticos a un entorno realista. Isto facilitará efectuar estudos innovadores e detallados sobre algoritmos executados nun entorno real, ser conscientes dos retos e oportunidades que supón o traballar con un computador cuántico, etc. Segundo, para adquirir coñecemento sobre o dispositivo en si, a súa posta en funcionamento, o seu mantemento, o estudo da súa arquitectura e compoñentes, para así adquirir coñecemento que permita desenvolver a parte máis asociada ao dispositivo hardware.

Esperamos que o efecto catalizador deste computador cuántico teña un impacto fundamental no desenvolvemento do ecosistema cuántico. Este será, sen dúbida, un dos elementos estratéxicos clave do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, que ademais esperemos que sirva para atraer talento.

Que papel pode xogar Galicia na revolución cuántica e con que bazas contamos?
Agora mesmo hai varios grupos de investigación traballando en tecnoloxías cuánticas, no Cesga, nas universidades galegas e en centros tecnolóxicos de Galicia. Entre todos, cubrimos as grandes áreas de investigación dentro do mundo da cuántica, que son a computación, comunicacións e os sensores cuánticos, traballando en temas moi específicos dentro destas áreas. A pesar de que o noso ecosistema é moito menor que o das grandes potencias mundiais, os nosos grupos son moi competitivos naqueles nichos nos que traballan, e polo tanto temos moito que dicir. 

Ademais, en certos sectores, como poden ser o industrial, o farmacéutico, o químico ou no eido da saúde, hai moitos problemas computacionais que se poderían resolver potencialmente con computación cuántica de maneira moi eficiente. Necesitamos facer un esforzo por identificar aqueles problemas complexos nos que a computación cuántica pode marcar a diferenza, para así dar vantaxes competitivas á nosa industria e sector público no medio-longo prazo.

Que sectores empresariais de Galicia poden verse máis beneficiados das tecnoloxías cuánticas?

Hai algúns sectores que se poden beneficiar máis inmediatamente destas tecnoloxías, como poden ser o sector industrial (optimización de procesos produtivos), a loxística, ou a automoción. A máis longo prazo, outros sectores como os da saúde e o farmacéutico, por exemplo, poden ser grandes beneficiarios, pero o obxectivo final é identificar e inventar novos algoritmos cuánticos que podan beneficiar a un amplo rango de sectores empresariais.

Pode poñernos un exemplo de como se pode aplicar a supercomputación e as solucións que se acaden co computador cuántico no día a día das pemes e empresas? 

Son moitos os exemplos de como as empresas e pemes poden aplicar a supercomputación clásica, entre outros: o prototipado virtual, o uso de xemelgos dixitais, a optimización de procesos de fabricación e negocio, entrenamento de grandes modelos, etc.

No tocante á computación cuántica, é importante clarificar que neste punto o desenvolvemento desta tecnoloxía non está suficientemente madura para o seu uso en sistemas de produción comerciais, xa que está aínda en fase de investigación e mellora dos dispositivos e do software cuántico. Algúns exemplos piloto realizados ata agora son a optimización de rutas dinámicas en empresas de mensaxería, ou a optimización do proceso de pintado de vehículos.

Tamén pode interesarche