Inicio
Actualidade

Ao día!

06/06/2023

Aberta a convocatoria da 7ª edición da Business Factory Auto

Comparte este artigo

Ata o 28 de xuño pódense presentar candidaturas para participar no programa de aceleración e consolidación de proxectos especializados en mobilidade e automoción, que conta co apoio da Xunta de Galicia

Innovación, tecnoloxía e talento ao servizo do sector da automoción. Xa está aberta a nova edición da Business Factory Auto (BFAuto), a aceleradora coa que se pretende seguir acompañando nos primeiros pasos a proxectos disruptivos que xurdan neste eido en Galicia.

Trátase dunha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, o Igape e XesGalicia; o Consorcio da Zona Franca de Vigo e Vigo Activo, o Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia (CTAG) e Stellantis. O seu obxectivo principal é a aceleración e consolidación de proxectos especializados en mobilidade e automoción e a súa transformación en empresas innovadoras, viables e escalables que atraian e reteñan talento en Galicia, contribuíndo así a fortalecer o posicionamento do sector e a incrementar a súa proxección internacional.

O programa conta con dúas fases, segundo o grao de madurez dos proxectos. A de aceleración dura 9 meses e está orientada a proxectos que estean nunha fase inicial e que precisen desenvolver e validar o seu produto ou servizo. Os participantes poderán instalarse na zona de coworking do programa, na que compartirán formación, tech-meetings e experiencias con outros emprendedores que estén desenvolvendo proxectos no seu mesmo sector e cun grao de evolución similar.

Por outro lado, a de consolidación contempla un itinerario personalizado de 12 meses para que a través da formación e a mentorización as empresas participantes consigan establecerse no mercado e xerar vendas/ingresos recorrentes. Terán acceso a unha ampla rede de contactos procedentes da industria, apoio financeiro e un espazo de traballo na zona de viveiro das instalacións de BFAuto.

O prazo de captación de proxectos está aberto ata o mércores 28 de xuño. Poden presentarse iniciativas promovidas por emprendedores (persoas físicas), e tamén ideas innovadoras de empresas, así como as propostas de centros de coñecemento para acelerar a súa transferencia a través da creación de spin-offs.

Impacto económico

BFAuto naceu en 2016. Durante as seis edicións celebradas ata o momento creáronse 64 novas empresas, das cales o 24% xa exporta os seus produtos ou servizos, e xeráronse máis de 550 postos de traballo en Galicia e unha facturación de 90 millóns de euros. Grazas aos bos resultados obtidos, a BFAuto serviu de exemplo para outros sectores que xa replicaron a iniciativa. 

As empresas do sector titorizan e asesoran os proxectos para impulsar o seu desenvolvemento e aumentar a súa competitividade. Ademais, brindan as súas plantas para desenvolver pilotos e probar as súas solucións innovadoras. É así como as novas empresas nadas ao amparo da aceleradora pasan a converterse en provedores das empresas do sector da automoción. Este ecosistema colaborativo facilita que se xeren proxectos de I+D entre startups, pemes e grandes empresas.

Grazas á colaboración público-privada, xa están garantidas tres novas convocatorias ata 2026 para impulsar 60 proxectos máis.

Tamén pode interesarche