Inicio
Actualidade

Ao día!

07/06/2023

Xoiería con selo atlántico

Comparte este artigo

A firma Ardentia, cuxo taller está situado en Bergondo (A Coruña), cumpre 35 anos como referente da xoiería galega, conxugando o mellor da tradición artesanal, o deseño e a innovación

Luis González Bahamonde comezou con tan só 19 anos o proxecto persoal que deu orixe a Ardentia, na actualidade unha das firmas máis recoñecidas da xoiería galega. Sen referentes familiares no sector, “e coa ousadía que dá a ignorancia de ser mozo”, os seus primeiros pasos foron no instituto facendo pulseiras para a excursión de fin de curso dos seus compañeiros. Coas súas primeiras vendas no antigo rastro da Coruña ou no feirón de Pontedeume, investía en libros, materiais e ferramentas para avanzar no seu proceso de aprendizaxe autodidacta, que culminou en Santiago co apoio e a formación do falecido Suso Bautís, coñecido ourive compostelán.

35 anos despois, o artesán e creador de Ardentia cre que a clave do éxito foi un claro compoñente de paixón e de ilusión xunto co espírito de mellora constante e a máxima, sempre presente, de deseñar pezas recoñecibles que non fosen máis do mesmo. A iso sumouse, desde os inicios, unha visión comercial que ía un paso máis aló dos estándares da época. “Enfoqueime en que o produto, sendo diferente, orixinal e moi persoal, tivese tamén unhas características en canto a calidade, acabados e presentación que lle permitisen competir en igualdade de condicións nos puntos de venda habituais da xoiería”, recalca.

Moi pronto decidiron tamén explorar o mercado exterior. A partir de 1992 comezaron a ter presenza en feiras profesionais do sector en Madrid e Barcelona. Máis tarde, apostaron por expoñer en citas internacionais de referencia, como Inhorgenta (Alemaña) ou Bijorhca (París). “Partindo da nosa preocupación por facer as cousas ben e de apostar por un produto con autoría e orixe, cando saímos fóra subimos o nivel aínda máis e aprendemos moito da experiencia, competindo cun produto que estaba en igualdade de condicións con firmas de xoiería de deseño doutras partes de Europa”, explica González Bahamonde.

Traballaron para clientes de todo o mundo, desde as Maldivas ata Abu Dabi pasando por Tallín ou Hong Kong. Na actualidade están moi enfocados en consolidar o mercado galego e nacional. Ademais da venda en liña, tamén abriron un novo camiño apostando por puntos de venda propios, coas súas tendas de Vigo, A Coruña e recentemente en Santiago.

Calidade, tradición e modernidade

Ardentia conta coas certificacións tanto de Artesanía de Galicia como de Galicia Calidade. “Son dous soportes que axudan moito a encadrar o tipo de peza que facemos cando se achega un cliente. Redondean a túa marca e a percepción que a xente ten dela, de produto artesán e especial, que fala dunha rexión, pero que á vez é universal desde o Atlántico”.

No seu taller de Bergondo, no que traballan 9 persoas, combinan as técnicas e ferramentas máis innovadoras do sector cun proceso artesanal irreemplazable. “O 85% do proceso das nosas pezas é totalmente manual”, explica González Bahamonde. O seu posicionamento no mercado e a súa filosofía de compartir coñecemento -máis de 85 talleres de noroeste de España pasaron polos seus cursos nos últimos anos- convertéronos en “pequenos e honestos referentes no sector”.

Para o fundador de Ardentia, é o momento de consolidar todo o logrado estes anos e gozar da conexión co cliente. “Ver reflectidos os valores da marca na xente que nos compra e nas palabras que utilizan para falar do noso traballo é o máis satisfactorio”, conclúe.

Tamén pode interesarche