Inicio
Actualidade

Ao día!

13/06/2023

De tenda de papelería a empresa internacional de contract

Comparte este artigo

Ao longo dos seus 34 anos de traxectoria, o grupo coruñés Sutega apostou pola diversificación de negocio e a internacionalización, posicionándose na actualidade como unha das firmas de referencia do sector contract

O contract galego, no que se integran empresas de mobiliario e interiorismo especializadas no abastecemento a cadeas de tendas e hoteis, entre outras liñas de negocio, é xa un referente no contexto internacional grazas ao compromiso das súas empresas coa diversidade, a innovación e a procura constante de novos mercados.

Neste contexto, destaca a coruñesa Sutega, unha compañía con máis de 30 anos de traxectoria que deu os seus primeiros pasos empresariais en 1989 como tenda de papelería técnica. O camiño ata converterse nun grupo empresarial líder no sector contract, que opera en máis de 45 países, estivo marcado pola diversificación e a procura constante de negocio e novas oportunidades. “Foi a clave para o noso cambio de actividade, pasar de ter a tenda con algunhas pezas de mobiliario a ser un grupo de empresas que traballa para grandes organizacións como Inditex, Telefónica, BBVA, Ritz-Carlton, Garrigues, Prosegur ou Denodo”, explica Rubén Utande, CEO da compañía.

Cun equipo humano conformado por 250 persoas, 9 sedes e unha facturación de 46 millóns de euros en 2022, Sutega enfócase en ofrecer un servizo integral de arquitectura de interiores para espazos retail, corporativos, hoteis, restauración, xeriatría ou os chamados coliving, unha nova tendencia no sector residencial consistente no uso compartido de espazos comúns.

A evolución da empresa foi impulsando a súa propia expansión internacional, clave na historia da compañía. “A nosa inquedanza fíxonos sempre estar moi atentos ao que ocorría fóra de casa, acudindo a feiras e eventos en calquera parte do mundo. Pero o salto foi con Inditex, cando nos anos 90 nos pediu que montaramos unha oficina en Hong Kong… E a partir de aí, desde Galicia para o mundo: México, EEUU, Europa,… Non existen fronteiras para nós”, remarca Utande.

Coa vista posta no futuro, están enfocados en reforzar o seu modelo “Design&Build”, unha metodoloxía propia á hora de construír espazos, minimizando tempos e custos, pero co máximo control e calidade grazas á optimización dos seus recursos e capacidades.

Contract con acento galego

As cifras falan do excelente momento do contract galego, que supera os 10.000 proxectos en 800 cidades de todo o mundo, sendo un elemento claro de internacionalización do tecido produtivo da Comunidade. Para Utande, este posicionamento derívase de dúas grandes razóns. “Por unha banda, o valor artesanal galego e a proximidade á materia prima: a madeira. Doutra banda, en Galicia temos un gran motor de desenvolvemento, o grupo Inditex, que implicou que nesta rexión haxa un desenvolvemento técnico, humano e industrial punteiro a nivel internacional”, explica.

No marco da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, a Xunta de Galicia realizou recentemente unha convocatoria de axudas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract dotada de 2,6 millóns de euros para o período 2023-2024.

Tamén pode interesarche