Inicio
Actualidade

Ao día!

22/06/2023

Deseño e innovación galega para unha mobilidade eficiente e sostible

Comparte este artigo

A empresa ourensá Unvi Carroceros, gañadora nos III Premios Galicia de Innovación e Deseño convocados pola Xunta de Galicia, está especializada na fabricación de autobuses e de vehículos especiais e a medida que xa circulan por todo o mundo

Nacida en Ourense en 1995, a empresa Unidad de Vehículos Industriales do Grupo Pérez Rumbao (Unvi Carroceros) enfócase no deseño e a fabricación de autobuses, apostando por un modelo de mobilidade seguro, eficiente e sostible. Os seus vehículos caracterízanse por un peso reducido a través de carrocerías lixeiras, aerodinámicas e moi resistentes, co consecuente aforro de combustible. 

Entre a súa ampla gama de modelos, atópanse vehículos especiais e a medida, desde autobuses adaptados para persoas con mobilidade reducida a “bibliobuses” que achegan a cultura a localidades sen biblioteca pública, oficinas bancarias móbiles con caixeiros incorporados ou microbuses para desprazarse pola area do deserto ou en terreos accidentados. Tamén son especialistas no deseño de autobuses de dobre piso, de microbuses e de minibuses interurbanos.

En 2005 ampliaron a súa capacidade produtiva coa adquisición da empresa portuguesa Camo, en Vila Nova de Gaia. Entre os dous centros de traballo, xeran 300 empregos directos e indirectos. En 2022 alcanzaron unha facturación de 27 millóns de euros, superando 200 unidades entregadas. Para este ano, as previsións son á alza e xa teñen unha carteira de pedidos por riba das 250 unidades.

Os autobuses de Unvi circulan por todo o mundo. Nos últimos 15 anos, entre un 70 e un 80% da súa produción anual oriéntase a mercados estranxeiros. Os seus principais clientes están en Europa, con Reino Unido, Francia, España e Portugal á cabeza. Fóra do continente, traballaron para diferentes países de Latinoamérica, Corea do Sur ou Emiratos Árabes, entre outros destinos.

Como diferenciarse no mercado

Xunto coa calidade, a preocupación polo impacto ambiental e unha clara orientación de servizo ao cliente, tanto no proceso de deseño como na postventa, Unvi Carroceros fixo da innovación e do deseño una das súas principais bazas como factor de competitividade e diferenciación no mercado. A mentalidade innovadora é parte da identidade de Unvi. “Un exemplo claro de innovación é a nosa gama de autobuses eléctricos, onde empezamos cos dobres pisos turísticos en 2017 e entregaremos urbanos eléctricos en xuño ao Concello de Ourense, así como a outros clientes en Europa”, destacan desde a compañía.

En canto ao deseño, no últimos tres anos renovaron ao completo a súa gama, desde os microbuses ata os autobuses de dobre piso turístico. Esta traxectoria viuse recoñecida na última edición dos premios Galicia Innovación e Deseño, convocados pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, na que foron premiados na categoría de Empresas.

Coa vista posta no futuro, os seus retos de I+D+i enfócanse en “continuar co proceso de descarbonización en toda a gama de modelos, así como a integración de todos os novos sistemas tecnolóxicos que entraron en vigor, desde as axudas á condución ata a ciberseguridade, sen esquecer todos aqueles que facilitan máis confort e facilidade de uso aos pasaxeiros”, conclúen.

Tamén pode interesarche