Inicio
Actualidade

Ao día!

28/06/2023

Galicia impulsa as startups tecnolóxicas máis innovadoras

Comparte este artigo

As iniciativas avaliadas positivamente pero que non resultaron beneficiarias no programa estatal Neotec e Neotec Mulleres Emprendedoras 2022 de CDTI teñen a oportunidade de promover os seus plans de negocio desde Galicia co apoio da Xunta

Que ningún bo proxecto quede sen financiamento. Este é o compromiso da Xunta de Galicia co emprendemento innovador e co apoio a empresas de alto potencial que contribúen á transferencia de coñecemento ao tecido produtivo. Con este obxectivo vén de convocarse a terceira edición do programa de apoio a plans de negocio de empresas tecnolóxicas de recente creación que prevén a comercialización de produtos innovadores.

Os proxectos seleccionaranse entre aquelas iniciativas avaliadas positivamente polo programa Neotec e Neotec Mulleres Emprendedoras 2022 do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) que non resultaran beneficiarias por insuficiencia de crédito. Ademais, deben ser iniciativas intensivas no uso de tecnoloxías ou coñecemento desenvolto a partir da actividade investigadora.

Poderán presentarse tanto empresas galegas como doutras comunidades autónomas, sempre e cando se comprometan a trasladar no prazo dun mes desde a resolución a súa sede fiscal, social e centro de traballo a Galicia.

Cun orzamento de 3 millóns de euros, as axudas cubrirán todas as actuacións dos plans de negocio das compañías entre 2023 e 2025:

  •  Ata o 70% do orzamento elixible da actuación, cun importe máximo da axuda de 250.000 euros por beneficiario.
  •  As actuacións que inclúan a contratación laboral de polo menos un doutor poderán financiar ata o 85% do orzamento da actuación, cun importe máximo de 325.000 euros por beneficiario.

Os proxectos comezarán a partir do próximo 1 de outubro. Poderán solicitar o anticipo da totalidade da axuda do primeiro ano, ademais de tramitar se o precisan nas sucesivas anualidades un máximo de anticipo do 60% da axuda total.

Nas dúas edicións anteriores desta convocatoria apoiáronse xa 29 proxectos innovadores en sectores como o TIC, a saúde, a enerxía ou a agroalimentación, cun investimento total mobilizado de 10,4 millóns de euros.

Tamén pode interesarche