Inicio
Actualidade

Ao día!

29/06/2023

Entrevista a Desirée Teijeiro, directora de operacións de Libera Bio

Comparte este artigo

“A nosa misión é contribuír á curación e mellora da calidade de vida dos pacientes con cancro”

A biofarmacéutica Libera Bio, con sede en Santiago, desenvolve unha nova xeración de nanomedicamentos de precisión, baseados en patentes tecnolóxicas propias, co obxectivo de mellorar os tratamentos do cancro. Foi galardoada como a startup máis innovadora de Galicia nos Premios EmprendeXXI.

Libera Bio xorde no contexto da Universidade de Santiago. Como e con que misión se crea a spin-off?

Efectivamente o noso proxecto xorde de moitos anos de traballo desenvolvido polo grupo de investigación da profesora María José Alonso (USC) e que deu lugar a unha tecnoloxía de liberación de fármacos anticanceríxenos que non só facilitaba o seu acceso selectivo ao tumor (aumentando a súa eficacia e diminuíndo a súa toxicidade), senón que ademais era a primeira nanotecnoloxía capaz de conducir anticorpos monoclonais (ferramentas farmacolóxicas moi específicas e potentes) a dianas intracelulares, abrindo a posibilidade de tratar oncoproteínas ata o momento inaccesibles para outros tipos de fármacos. Con estes resultados tan prometedores e o firme desexo de conseguila aplicabilidade clínica da nosa investigación, nace a idea de crear Libera Bio, coa misión de contribuír á curación e mellora da calidade de vida dos pacientes con cancro.

Como valoran o apoio do programa Ignicia, da Axencia Galega de Innovación e a Fundación Barrié?

O Programa Ignicia, sen ningunha dúbida, foi clave para a valorización da tecnoloxía e a constitución da empresa, como fito final da axuda. Trátase dun programa cunhas características que o fan único en canto a acompañamento, dotación económica e flexibilidade, tanto para investir en calquera concepto necesario para o eficiente desenvolvemento do proxecto (persoal, consultoría, propiedade industrial, regulatoria, subcontratacións…), coma para adaptar o plan de traballo dun xeito áxil, se así se estima oportuno.

Cales son as principais liñas de traballo de Libera Bio en relación coas novas solucións no tratamento contra o cancro?

O noso primeiro candidato terapéutico, contra unha mutación específica da diana KRAS, diríxese a unha fracción de pacientes con cancro para os que non existen tratamentos efectivos e que representa máis de 150.000 pacientes ao ano só en Europa e Estados Unidos.

Pero a idea é explotar a versatilidade da tecnoloxía e maximizar a oportunidade de achegar novas solucións terapéuticas en oncoloxía, e para iso é importante establecer colaboracións. Desde xeito, a través de alianzas con empresas biofarmacéuticas coma as norteamericanas EVQLV e ImmunoPrecise Antibodies (NASDAQ: IPA) estamos a desenvolver novos tratamentos baseados en anticorpos monoclonais contra outras tres dianas intracelulares presentes en moitos tipos de tumores.

Foron beneficiarios do programa Talento Sénior da Xunta de Galicia, orientado á contratación de persoal investigador de alta cualificación. Como valora o contexto actual do ecosistema biotecnolóxico galego en canto a talento, emprendemento e xeración de postos de traballo?

Os datos falan por si sós, Galicia é a segunda rexión de España máis bioemprendedora, cunhas 10 empresas biotecnolóxicas novas cada ano. Isto non é froito da casualidade, é froito da boa ciencia que se fai en Galicia, do empeño sen límites dos emprendedores, do esforzo da Administración co seu plan de impulso á biotecnoloxía... e, por suposto, tradúcese na creación de postos de traballo, moitos dos cales requiren de persoal altamente cualificado e supoñen unha grande oportunidade tanto para a retención coma para a atracción de talento. O ecosistema biotecnolóxico galego está vivindo un momento doce e agora o que cómpre é que se consolide.

Libera Bio vén de recibir o respaldo do programa Neotec do CDTI. En que proxecto van enfocar este apoio?

O apoio de CDTI investirase fundamentalmente no desenvolvemento do noso candidato terapéutico mais avanzado, contra a diana KRAS.

Cales son os retos de futuro de Libera Bio en canto a innovación e investigación?

Os nosos principais retos pasan por seguir avanzando no desenvolvemento de novos medicamentos anticanceríxenos de precisión, baseados na nosa plataforma tecnolóxica, ata demostrar un beneficio clínico para aqueles pacientes aos que van dirixidos.

Tamén pode interesarche