
Ao día!

Na procura de proxectos de alto impacto no eido aeroespacial
A Business Factory Aero (BFAero) é unha aceleradora de carácter vertical xurdida no contexto do Polo Aeroespacial de Galicia que promove a Xunta. Na súa quinta edición prevé apoiar 11 proxectos innovadores no sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados.
Contémplanse tres áreas temáticas: plataformas e os seus compoñentes (estruturas, enerxía, propulsión, sistemas, navegación ou pilotaxe), equipos e sistemas (tanto embarcados como en terra) e aplicacións dos vehículos non tripulados para mercados concretos.
O programa ten tres modalidades de participación, segundo o grao de madurez da idea e da empresa:
- Incubación. Itinerario de 12 meses deseñado para proxectos, empresas sen constituír ou de recente creación que se atopen nun estado intermedio entre a idea e a validación do modelo de negocio.
- Aceleración. Programa de apoio de 8 meses para proxectos que dispoñan dun produto mínimo viable ou empresas que realizasen vendas iniciais e contan con capacidade de crecemento, pero que necesitan sistematizar o seu modelo de negocio, conseguir vendas recorrentes e/ou penetrar en novos mercados.
- Consolidación. Con 6 meses de duración, esta modalidade diríxese a empresas cunha antigüidade máxima de ata 7 anos, sede social ou centro de traballo en Galicia, produto ou servizo definido, vendas reais, modelo de negocio estruturado e alta capacidade de crecemento.
As iniciativas seleccionadas poderán beneficiarse dun completo programa de apoio que ofrece a titorización por empresas e profesionais do sector, destacando a implicación das empresas Airbus, Avincis e Telespazio; un programa de formación avanzada adaptado ao grao de madurez do proxecto; oficina propia, salas de reunións e coworking no viveiro de empresas da Fundación CEL Iniciativas por Lugo; e acceso ás infraestruturas, equipamentos e medios técnicos do Polo Aeroespacial de Galicia en Rozas (Castro de Rei, Lugo).
Ademais, os proxectos seleccionados na BFAero disporán do apoio económico da Xunta de Galicia: ata 40.000 € no itinerario de incubación, 60.000 € no de aceleración e 30.000 € no de consolidación, así como a posibilidade de acceso a capital risco de XesGalicia en aceleración (ata 50.000 €) e consolidación (ata 250.000 €).
Emprendedores e emprendedoras, startups e empresas poden presentar a súa candidatura a través da web www.bfaero.eu ata o 19 de xullo ás 14:00 horas. A Administración autonómica reforza así a súa aposta pola retención e captación de talento innovador na busca de propostas de alto impacto para o ecosistema aeroespacial e para a sociedade.