Inicio
Actualidade

Ao día!

05/07/2023

A economía circular, un reto estratéxico para as pemes

Comparte este artigo

Fronte ao modelo lineal de “fabricar, usar e tirar”, que implica un alto consumo de recursos naturais, enerxía e materias primas, as empresas avanzan cara á circularidade, onde a clave está na reutilización

Papel e cartón usado para fabricar novos produtos, reciclaxe de pneumáticos vellos, restos agroforestais ou augas residuais para producir enerxía. Na sociedade actual, os residuos convértense en recursos. A economía circular é un modelo de produción e consumo baseado na premisa de reutilizar, reparar, renovar e reciclar materiais e produtos existentes todas as veces que sexa posible para crear un valor engadido.

A redución dos residuos ao mínimo, así como a reutilización dos mesmos unha vez que o produto chega ao final da súa vida útil son claves neste proceso. Deste xeito, o ciclo de vida dos produtos alóngase no tempo e os residuos poden volver ao mercado en forma de novos produtos.

A circularidade supón unha oportunidade para o tecido produtivo, non só no caso de grandes empresas, senón tamén nas pemes innovadoras. A flexibilidade que lles outorga o seu tamaño é unha vantaxe á hora de posicionarse como creadoras de solucións para reintroducir os residuos como recursos de valor no mercado.

Vantaxes do modelo circular

Ademais de protexer o medio ambiente e apostar pola sustentabilidade, as empresas que parten dos principios da economía circular benefícianse doutras vantaxes importantes.

  • Rendibilidade. A redución, reutilización e reciclaxe dos materiais permítelles aforrar custos nos seus procesos produtivos.
  • Reputación. Os clientes e consumidores apostan, cada vez máis, por empresas concienciadas coa súa responsabilidade social corporativa, polo que a circularidade supón un valor engadido adicional en termos de imaxe e reputación.
  • Competitividade. Os modelos de economía circular caracterízanse por empregar tecnoloxías e procesos innovadores, que implican unha vantaxe competitiva no mercado.

Prioridades de innovación na economía circular

Por onde empezar? O Caderno de Innovación centrado en economía circular, elaborado pola Axencia Galega de Innovación no marco do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, distingue tres prioridades que unha pequena e mediana empresa debe ter en conta á hora de comezar a introducir os conceptos da economía circular no seu proceso produtivo.

  • Analizar e tomar conciencia dos activos que a peme desbota no seu proceso produtivo tradicional e repensar o modelo cara á circularidade, identificando as oportunidades e explorando vías de transición entre eles.
  • Desenvolver novos modelos de relación e de negocio entre os diferentes axentes cos que se relaciona a peme no seu proceso de produción.
  • Innovar en solucións tecnolóxicas que lles permitan descubrir, desenvolver ou modificar os procesos convencionais de produción e de consumo.

As accións para mellorar a circularidade dun produto terán maior impacto se se introducen na fase de concepción e deseño, de aí a importancia de apostar xa desde o inicio por materiais innovadores e sustentables, como os que ten catalogados a Materioteca de Galicia.

Impulso á economía circular

No marco da Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030, a Xunta de Galicia activou este ano unha nova convocatoria da liña de axudas para promover a economía circular entre o tecido produtivo galego, na procura de mellorar a competitividade das pemes e do colectivo autónomo impulsando novos procesos e un consumo máis eficiente. O programa, cun orzamento de 1,5 millóns de euros, centrouse en promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.

Tamén pode interesarche