
Ao día!

Entrevista a Elena Ferro, zoqueira artesá
Elena Ferro conseguiu transformar un artigo asociado ao rural como eran os zocos nun complemento de moda, engadíndolle un elevado grao de innovación a un produto tradicional. No seu taller de Merza (Vila de Cruces, Pontevedra) traballan na reinvención do oficio integrando deseño e ergonomía co obxectivo de salvagardar os sinais culturais galegos.
É vostede a terceira xeración dunha familia de zoqueiros. Pensou algunha vez “onde me estou metendo”?
Por suposto que non! Desde moi nena o lugar onde mellor me desenvolvín sempre foi no noso taller, primeiro enredando á miña tía e ao meu pai, aínda que xa pronto comecei a darlle forma ao que tiña entre as mans. O camiño no meu oficio sempre foi en ascendencia, querendo cada vez aprender e mellorar cada día, tanto no resultado final das pezas como no ambiente do taller.
Reinventarse convertendo un produto en desuso coma os zocos nunha peza de moda artesanal e de autoría é todo un fito. Como se consegue iso?
Con moito traballo e dedicación, sumado á miña paixón polo oficio. Non foi unha tarefa doada pero despois de 15 anos de experimentos, sen éxito, os zocos floreceron. É un orgullo para min e para a miña familia ver posible a dignificación dos zocos.
As súas creacións teñen moito de tradición, pero tamén incorporan innovación e deseño. Como se conxuga?
É moi fácil crear a partir da tradición: a base, o máis importante, xa está feita. Eu simplemente son unha transmisora de adaptación dun calzado de antes aos tempos de agora e iso é o que leva facendo a tradición desde sempre. O pensamento máis recorrente da tradición é pensar no pasado pero para min está viva sempre. Seguimos facendo zocos onde o máis importante é que sexan quentes e non metan a auga, igual que hai varios séculos.
Cre que o consumidor actual valora cada vez máis a orixe e o proceso de fabricación dun produto?
Efectivamente si. Para min é unha parte importante que saiban de onde saíron os zocos, para que se usaban e onde, que coñezan a historia do que mercan… Iso fai que valoren máis o produto.
Que lle supón formar parte de Artesanía de Galicia?
Un gran respaldo e apoio. A proxección que temos os artesáns galegos nacional e internacionalmente grazas a Artesanía de Galicia non nos sería posible de xeito individual. Somos a envexa dun sector que en moitos lugares queda no esquecemento.
Por onde pasa o futuro no traballo de Elena Ferro?
En seguir aprendendo para facer o meu traballo e o das miñas compañeiras o mellor posible e, sobre todo, cos pés na terra.