Inicio
Actualidade

Ao día!

11/07/2023

Tecnoloxías fluorescentes para o descubrimento de fármacos

Comparte este artigo

A empresa biotecnolóxica Celtarys, con sede en Santiago, está especializada en ferramentas químicas innovadoras para acelerar as etapas iniciais do desenvolvemento de novos medicamentos

Celtarys Research é unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela nacida en 2021 no marco do Programa Ignicia, unha iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Barrié.

A súa principal proposta de valor no mercado baséase nunha tecnoloxía de conxugación química -propia e patentada- que permite o desenvolvemento de arquitecturas moleculares fluorescentes cun amplo abanico de aplicacións na fase temperá do descubrimento de fármacos, contribuíndo así a mellorar a eficiencia das etapas iniciais de investigación e axudando a acelerar o proceso.

Desde que se identifica unha diana involucrada nunha patoloxía ata contar cun medicamento no mercado que se poida administrar a un paciente, habitualmente transcorren entre 10 e 15 anos. Tal e como explica María Majellaro, cofundadora e directora científica da compañía, “en Celtarys desenvolvemos ferramentas para esta fase temperá do descubrimento de fármacos. Unha vez que temos a diana adecuada hai que identificar moléculas que poidan unirse a ela e exercer un efecto terapéutico. Ata o de agora este tipo de cribado de alto rendemento realizábase con compostos radioactivos. As nosas ferramentas fluorescentes son unha alternativa máis versátil, eficaz, respectuosa co medio ambiente e rápida”.

Ademais, o seu uso non se limita unicamente a este tipo de ensaios. Tamén se poderían utilizar, entre outros, no campo da medicina personalizada “para estudar a expresión desas dianas en distintos tecidos. Por exemplo, no caso dun tecido patolóxico de cancro, axudaríanos a saber cal será o fármaco máis eficaz”, continúa María Majellaro.

O impulso do programa Ignicia

Celtarys Research baséase na investigación do grupo liderado polo Dr. Eddy Sotelo, profesor catedrático na Facultade de Farmacia e investigador principal no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da Universidade de Santiago. En 2019 accederon ao programa Ignicia, impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, e a Fundación Barrié. O obxectivo era completar a validación da tecnoloxía e transformala nunha empresa de base tecnolóxica.

“Participar en Ignicia foi unha experiencia extraordinaria”, conta María Majellaro. “O programa apóiate en cuestións que, como científicos, non controlamos, recibindo asesoría e seguimento personalizado en temas como a área comercial, o modelo de negocio, o proceso de patentado, a estratexia de mercado… En definitiva, todo o que hai que ter conta á hora fundar unha empresa “, enumera.

Ademais, durante o seu paso polo programa, centráronse en desenvolver un portfolio de ferramentas fluorescentes, que lles serviu como carta de presentación da súa proposta de valor e abriulles as portas do mercado. Posteriormente, foron xerando novos proxectos para desenvolvementos a medida, tanto con empresas farmacéuticas como con grupos de investigación. Ademais, en 2021 pecharon unha rolda de investimento de capital semente de 650.000 euros, na que participaron XesGalicia e VigoActivo.

Recentemente, recibiron o respaldo do programa Neotec, vinculado ao Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación para afianzar o seu proxecto.

Coa vista posta no futuro, “queremos seguir crecendo e ampliando o marco de aplicación da nosa tecnoloxía, consolidando Celtarys como empresa a nivel global e aumentando o abanico de clientes”, finaliza María Majellaro.

Tamén pode interesarche