
Ao día!

Unha porta aberta ao deseño e á innovación
Con sede en Cerceda (A Coruña), a empresa Indupanel é o primeiro fabricante español de paneis para portas de aluminio e PVC. A innovación aplicada ao deseño foi unha das pancas do seu crecemento e expansión internacional, acadando actualmente os 20 millóns de euros de facturación e as 35.000 portas fabricadas cada ano
O panel da porta exterior é o primeiro que se ve ao chegar a unha casa. É a carta de presentación, o sinal de identidade dunha vivenda. O deseño, a personalización e a calidade xogan un papel fundamental á hora de decantarse por unha ou outra elección.
Conscientes disto, a investigación e a innovación en novos deseños e materiais, xunto coa aposta pola excelencia e a atención ao cliente, foron desde os inicios as principais apostas da empresa Indupanel, fundada no ano 2000 por Antonio Rey, Eva Balado e Fernando Borrazás. Comezaron a súa iniciativa empresarial a partir de produtos estándar que xa había no mercado, pero pronto se deron conta de que a clave da súa competitividade pasaba por contar cun catálogo diferencial, innovador e que achegase valor engadido aos seus clientes, principalmente carpinterías de perfilados.
“Empezamos en Galicia e pouco a pouco fomos abrindo mercado no resto de España e no estranxeiro, poñendo o foco sobre todo nunha excelente atención e adaptación ao cliente, na personalización e na comercialización de modelos exclusivos con deseños propios”, explica Antonio Rey, socio e responsable do departamento comercial. “Antes as portas facíanse só de aluminio e PVC. Nós fomos mesturando novos materiais, como a pedra natural, o aceiro inoxidable, imitacións a madeira… Sempre fomos unha referencia en deseño”, continúa.
Este extenso catálogo de produtos innovadores, con máis de 500 deseños, foi tamén o mellor impulso á exportación. Actualmente, cunha facturación de 20 millóns de euros, unha plantilla próxima ao centenar de persoas e unhas modernas instalacións de 15.000 metros cadrados no Polígono do Acevedo (Cerceda), son a primeira fábrica de paneis a nivel nacional e a terceira de Europa, con vendas a diferentes países como Portugal, Francia, Reino Unido, Bélxica… Ademais, están comezando a dar os seus primeiros pasos ao outro lado do Atlántico, en países de Latinoamérica e EEUU.
Coincidindo co seu 20 aniversario, en 2020 lanzaron un novo sistema de portas completas chamado Doorblock, un produto de alta gama que combina deseño e alta seguridade para as portas principais das vivendas e que da solución ás demandas dos seus clientes. “Aí é onde queremos facer máis forza á hora de medrar porque temos deseños moi exclusivos, modernos e únicos no mercado”, explica Antonio Rey. Apoiarán esta aposta cun investimento en tecnoloxía e maquinaria e un completo plan de visibilización, que inclúe a presenza nas principais feiras europeas do sector, entre elas a Fensterbau Frontale, que se celebrará en Núremberg (Alemania) en 2024.
Grazas ao seu esforzo innovador, clave no seu posicionamento no mercado, Indupanel foi un dos casos de éxito incluídos no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, posto en marcha pola Axencia Galega de Innovación.