Inicio
Actualidade

Ao día!

21/07/2023

O deseño como ferramenta de valor para as empresas

Comparte este artigo

Galicia é unha rexión referente no campo do deseño para a innovación e a competitividade, como resultado de tres elementos clave: o talento dos deseñadores e deseñadoras, a aposta e experiencia do tecido empresarial e o apoio da Xunta de Galicia a través de diferentes iniciativas e programas

O deseño é un motor estratéxico para a innovación e a competitividade das organizacións e empresas, sexa cal sexa o seu tamaño, e por extensión, unha ferramenta fundamental para impactar nos clientes e na sociedade.

Entre outros moitos beneficios, axuda a fortalecer un maior recoñecemento e identidade de marca, a diferenciar un produto no mercado fronte á competencia, a mellorar a experiencia dos usuarios ou a aumentar as vendas e conversións.

Apostar polo deseño na empresa vai máis alá de coidar da identidade gráfica ou da embalaxe exterior dos produtos: é integralo na propia cultura corporativa e en toda a cadea de valor do negocio, co obxectivo de buscar a máxima eficiencia e achegar valor engadido aos produtos e servizos. Por iso, existen diferentes aplicacións no concepto de deseño, como por exemplo:

  • Deseño de produto ou industrial, incluíndo aspectos como a experiencia do usuario, a ergonomía…
  • Deseño gráfico, desde materiais de marketing ata sinalética.
  • Deseño de envases e embalaxes.
  • Deseño de páxinas web.
  • Deseño de interiores e equipamento.

Se unha empresa quere dar os seus primeiros pasos para apostar polo deseño como ferramenta de competitividade, realizar unha auditoría específica pode ser un bo punto de partida. Trátase de examinar as áreas clave do negocio, como a marca, o desenvolvemento de produtos e servizos, os procesos de traballo ou as canles de comunicación co cliente e, a continuación, considerar que papel xoga o deseño nelas e detectar oportunidades.

Galicia é unha rexión referente no campo do deseño para a innovación e a competitividade, como demostran os moitos casos de éxito de empresas galegas que converteron este factor nunha peza clave da súa proposta de valor no mercado, desde Massó a Sargadelos, pasando por Mondariz, Adolfo Domínguez ou Pazo de Vilane.

O apoio da Administración tamén ten sido clave por impulsar o deseño como ferramenta de transformación económica e social. A Xunta promove o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza, que combina os obxectivos de innovación para a competitividade empresarial coa innovación responsable e social para contribuír á sustentabilidade e ao benestar das persoas.

Diferenza dálle continuidade a outros programas e iniciativas públicas galegas para recoñecer e difundir as mellores prácticas de incorporación do deseño como ferramenta de innovación e competitividade. Nesta liña destacan tamén os Premios Galicia de Innovación e Deseño ou as publicacións Galicia. O deseño como motor O deseño como motor. Casos de éxito en Galicia.

Todo este labor fixo posible, ademais, que este ano Galicia fora escollida como rexión convidada na Porto Design Biennale, o maior evento bienal de deseño da Península Ibérica que se celebrará o vindeiro mes de outubro en Portugal.

Tamén pode interesarche