
Ao día!

O cambio climático como reto de innovación
A Comisión Europea ten como obxectivo acadar a neutralidade climática en 2030. Neste contexto, na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia para o período 2021-2027 destaca a importancia da sustentabilidade, un concepto clave e transversal a todas e cada unha das actuacións previstas. Unha das tres grandes prioridades identificadas nesta folla de ruta é desenvolver e aplicar as diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor, xerando oportunidades de diversificación cara a produtos sustentables, competitivos internacionalmente e que melloren o benestar das persoas.
A descarbonización e a transición ecolóxica supoñen, polo tanto, non só un desafío, senón tamén un reto e unha oportunidade de innovación para as empresas, incluídas tamén as pequenas e medianas.
Segundo o sector no que traballen e o mercado ao que se dirixan, poden concibir e comercializar novos produtos ou servizos que faciliten a transición cara ao novo modelo produtivo e de consumo da economía circular. Algúns exemplos para orientar esta creación de produtos e servizos serían:
- Aposta por novos materiais, máis naturais e sustentables, ou procedentes da economía circular.
- Deseño de servizos con baixa pegada de carbono.
- Solucións de eficiencia na cadea de valor industrial.
- Solucións de transición do sector eléctrico.
- Innovación en termos de mobilidade sustentable.
- Edificación sustentable.
- Desenvolvemento da agricultura de precisión.
Por outra banda, o cambio climático tamén é unha oportunidade de innovación para actuar sobre procesos internos das propias empresas, contribuíndo a reducir a súa pegada de carbono e optimizando tempos e custos.
Neste ámbito, un primeiro paso para comezar é medir a emisión de gases contaminantes en toda a cadea de valor e modificar os procedementos necesarios para reducir as emisións mediante enfoques innovadores. Tamén resulta interesante idear estratexias de compensación da emisión de gases (como un proxecto de reforestación, por exemplo) ou de aproveitamento de refugallo baseado nos principios da economía circular.