
Ao día!

Avanzando na transición industrial de Galicia
O programa Fábrica Intelixente e Sostible está orientado a promover iniciativas empresariais de I+D e innovación de carácter estratéxico para o tecido industrial galego, en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e transición ecolóxica.
Para seguir avanzando nesta transformación, a nova convocatoria conta cunha dotación de 24 millóns de euros, cos que se prevé mobilizar ata 70 millóns. As axudas diríxense tanto a pemes como a grandes empresas, así como a organismos de investigación e centros tecnolóxicos.
Recóllense dúas modalidades de participación (individual ou en cooperación) e apoiaranse proxectos relacionados coas seguintes actividades:
- Investigación industrial, destinada a adquirir coñecementos e competencias para desenvolver novos produtos, procesos ou servizos; ou para permitir mellorar considerablemente os xa existentes.
- Desenvolvemento experimental, consistente na adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes con vistas á elaboración de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, incluídos os dixitais, en calquera ámbito, tecnoloxía ou sector.
- Innovación organizativa ou en materia de procesos, baseado na aplicación dun novo método organizativo a nivel de empresa ou de produción mediante unha utilización nova ou innovadora de tecnoloxías ou solucións dixitais.
Os apoios terán unha intensidade de entre o 15% e o 60% e o prazo de solicitudes estará aberto desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o vindeiro 2 de outubro.
Ata o momento, xa foron 24 os proxectos apoiados nas catro primeiras convocatorias do programa Fábrica Intelixente e Sostible, cun total de 62 beneficiarios (15 deles centros tecnolóxicos) e unha mobilización de 270 millóns de euros.
Entre as iniciativas desenvolvidas están, entre outras, efiFACTORY, un proxecto promovido polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e a empresa fabricante de compoñentes para vehículos BorgWarner Vigo; o traballo de Navantia no seu impulso cara ao estaleiro 4.0; a iniciativa de Hijos de Rivera con Anfaco para a aplicación de ferramentas 4.0 á produción de bebidas fermentadas; ou o labor de Finsa para desenvolver a fabricación eficiente de novos taboleiros de alto valor engadido.
Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) Galicia
Esta iniciativa é unha das medidas contempladas na Axenda Industrial de Galicia 2025. Tamén se enmarca nos retos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) Galicia 2021 - 2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade.
Concretamente, responde ao reto 2, que consiste en desenvolver un novo modelo industrial baseado na competitividade e no coñecemento, marcando a sustentabilidade e a dixitalización como prioridades para seguir avanzando na transición dos principais sectores produtivos galegos.