Inicio
Actualidade

Ao día!

28/07/2023

Impulsa o posicionamento do teu negocio con Artesanía Galicia

Comparte este artigo

Este distintivo de prestixio identifica ao sector artesanal galego e supón unha garantía de calidade para os consumidores

Galicia foi pioneira en contar cunha marca propia que representa ao sector artesán galego en todo o mundo. Artesanía de Galicia é sinónimo de calidade, innovación e deseño, unha garantía para os consumidores que acredita que o produto que porta este distintivo foi elaborado nun taller artesán inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta de Galicia.

Na actualidade hai máis de 830 talleres que forman parte da marca Artesanía de Galicia, aglutinando 88 actividades artesanais, entre outras, cerámica e olería, xoiería, cestería, ebanistería, carpintería, cantería ou téxtil.

Pequenos negocios artesáns como o que Santiago Besteiro (Premio Emprendemento 2022 nos Premios Nacionais de Artesanía) ten en Monterroso (Lugo), que considera o selo como “a mellor proposta nacional como marca de soporte para os artesáns”. Ou o da ceramista cambresa Laura Delgado (Premio Artesanía de Galicia 2022) que, igual que Besteiro, destaca “a oportunidade de participar en campañas, feiras e eventos que ofrece a marca e que de forma individual non se poderían contemplar“. “O feito de que nos últimos anos se sumaran multitude de talleres fai subir o nivel e mellorar a calidade, favorecendo a marca e dando moita máis visibilidade aos que formamos parte dela”, asegura Delgado.

Besteiro tamén pon de relevo que “grazas ás diferentes liñas de axudas que ofrece a Xunta, os artesáns galegos son máis competitivos”.

Como formar parte da marca?

Todos os talleres artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia contan coa marca Artesanía de Galicia. Ademais, tamén poderán empregar a marca aqueles establecementos de venda de artesanía que conten como provedores con cinco talleres inscritos no devandito Rexistro e estean dados de alta no epígrafe correspondente.

Os establecementos comerciais que desexen solicitar a adhesión á marca deberán cumprimentar a solicitude normalizada e presentala presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común ou por vía telemática xunto coa documentación requirida (DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante, NIF da entidade, certificación expedida pola Axencia Tributaria na que se indiquen os epígrafes do Imposto de Actividades Económicas en que figura dada de alta a persoa solicitante e facturas de compra e xustificantes de pago como mínimo dos cinco talleres inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia).

En que me beneficia?

A marca de Artesanía de Galicia, recoñecida polos consumidores como aval de calidade e prestixio dos produtos, axuda a impulsar o posicionamento nacional e internacional da artesanía e implica unha maior promoción e comercialización do produto artesán galego, ademais de contribuír aos seguintes obxectivos:

  • Poder acceder ás axudas impulsadas pola Xunta de Galicia.
  • Poder participar en todas as iniciativas impulsadas pola Fundación Pública Artesanía de Galicia.
  • Dotar á artesanía galega dunha imaxe que a distinga e identifique a súa procedencia.
  • Promover a difusión da artesanía de Galicia e fomentar a súa comercialización.
  • Protexer e manter o prestixio dos artesáns de Galicia e das súas obras.
  • Informar ás persoas consumidoras sobre a produción artesanal.
  • Apoiar aos puntos de venda ofrecendo a información necesaria que a diferencie no mercado.

A orixe de Artesanía de Galicia

A marca foi iniciativa da Asociación Galega de Artesáns (AGA) na década dos anos 90 do século pasado, adoptando o modelo a Xunta de Galicia no ano 2000 e converténdoo nunha marca oficial cun regulamento propio para servir de paraugas e ofrecendo unha imaxe común, harmónica, coordinada e representativa dos produtos artesanais galegos.

A entidade Fundación Pública Artesanía de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, ten como obxectivo impulsar o sector artesán a través de estratexias que permitan establecer vínculos e sinerxías, visibilizar e promocionar os produtos galegos nas principais feiras nacionais e internacionais e acceder a novos mercados a través da apertura de novas canles de comercialización.

A Xunta de Galicia facilita a adquisición e distribución do material de packaging da marca e un indicador personalizado aos obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e puntos de venda autorizados. A Asociación Galega de Artesáns conta, en virtude de diferentes convenios, coa concesión para coordinar este labor. 

Tamén pode interesarche