Inicio
Actualidade

Ao día!

02/08/2023

Innovación ao servizo da seguridade dixital

Comparte este artigo

Tegra, a alianza entre Gradiant e Telefónica Tech na que colabora a Xunta, cumpre cinco anos de traxectoria consolidándose como un caso de éxito de colaboración público-privada

O Centro de Innovación en Ciberseguridade Tegra, posto en marcha por Gradiant e a empresa Telefónica Tech co apoio da Xunta de Galicia, cumpre un lustro de traxectoria como iniciativa referente no campo innovación en materia de ciberseguridade.

Creado en 2018, naceu co obxectivo de facilitar a transferencia de coñecemento en ciberseguridade ás empresas galegas, así como de fomentar e concienciar á sociedade sobre a importancia da seguridade dixital. Ao longo destes anos enfocouse así no desenvolvemento de tecnoloxías vinculadas á protección da información, á defensa contra a fraude dixital e á xeración de ciberintelixencia. Ademais, desenvolveu produtos e servizos para fortalecer a seguridade da información en empresas galegas mediante técnicas criptográficas avanzadas.

Tegra tamén puxo a súa atención no deseño de mecanismos para verificar a identidade no acceso á información. Así mesmo, deseñou ferramentas de análises de datos, sistemas de clasificación de documentos e detección de accesos irregulares á información.

En total, realizouse un investimento conxunto total de 3,85 millóns de euros, dos cales 1,1 millóns de euros corresponden ao investimento achegado pola Axencia Galega de Innovación.

Esta alianza estratéxica no ámbito da innovación en ciberseguridade contribúe ao avance da industria galega cara á súa dixitalización, en liña cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e, deste xeito, á súa competitividade e á das pemes, ofrecendo solucións que dan resposta a un factor crítico para o tecido empresarial como é a seguridade.

Tegra tamén xoga un papel moi importante no posicionamento tecnolóxico de Galicia nun sector emerxente e con gran potencial de crecemento como é o da ciberseguridade e na creación de emprego cualificado.

Tamén pode interesarche