Inicio
Actualidade

Ao día!

08/08/2023

Enercraft avanza en solucións de enerxía limpa e sustentable para os UAVs

Comparte este artigo

Con sede en Cambados, a empresa, participante na cuarta edición da Business Factory Aero, ofrece solucións portátiles de enerxía con aplicación en diferentes sectores, entres eles, o dos vehículos aéreos non tripulados

A historia de Enercraft é a dunha viaxe de emprendemento e innovación por diferentes países ata recalar definitivamente en Galicia para impulsar o seu modelo de negocio.

Naceu orixinalmente en Arxentina, onde se identificou unha clara necesidade tecnolóxica, relacionada coa falta de equipos enerxéticos de apoio terrestre para aeronaves, que fosen fiables e entregasen enerxía de forma eficiente e segura a diferentes modelos de helicópteros e avións. Despois de anos de traballo, e tras o inicio das accións comerciais e a consecución das vendas dos primeiros produtos en distintos países da rexión, como Arxentina, Chile, Uruguai ou Bolivia, decidiron internacionalizar a empresa, construíndo Enercraft Canadá en 2018. En 2020, e tras un peche temporal forzado por mor da pandemia mundial, acordaron o peche definitivo da devandita sede e a estratéxica apertura dunha nova startup con base en Galicia, concretamente en Cambados. “Esta nova entidade asume todas as actuacións de I+D+i da empresa, así como a plena responsabilidade da actividade produtiva e comercial, servindo, desde a súa constitución, como único centro de fabricación e distribución internacional dos nosos produtos”, explica Alberto Jurjo Costa, socio fundador da empresa. Na actualidade exportan o 95% da súa produción a diferentes rexións do mundo, con clientes en 15 países, principalmente en Latinoamérica, Norteamérica, Europa e Oriente Medio.

Enerxía limpa e sustentable

Enercraft especialízase no desenvolvemento de solucións portátiles de almacenamento de enerxía e de toda a electrónica de potencia asociada. “Somos unha empresa moi innovadora e única na Unión Europea polo tipo de tecnoloxía que utilizamos, sendo os primeiros fabricantes de baterías híbridas para aviación, combinando células de litio de alta calidade con ultracondensadores, e que son empregadas polos nosos clientes para aplicacións especiais, onde existen altos requirimentos de potencia”, comenta Jurjo Costa.

Desde fai varios anos comercializan na industria aeronáutica os chamados Ultra-Starters, dispositivos portátiles empregados para a execución de arranque de motores de helicópteros e avións; e os GPUs Lite, fontes de enerxía externa portátil empregada para alimentar as aeronaves durante a execución de tarefas de mantemento ou fins operativos. “Ambos produtos son substitutos dos grupos electróxenos tradicionais utilizados nesa industria, que funcionan con combustibles fósiles e que son causantes de ruídos, fumes, cheiros e emisión de gases contaminantes. Enercraft ofrece unha alternativa limpa e sustentable, válida para múltiples aplicacións”, detalla.

Recentemente a compañía decidiu apostar por unha estratexia de diversificación da carteira de produtos, adaptando a súa tecnoloxía para desenvolver novas solucións tecnolóxicas noutros sectores que tamén apostan pola sustentabilidade e a transición enerxética: construción, naval, defensa, emerxencias, mobilidade eléctrica, enerxías renovables ou vehículos aéreos non tripulados.

Impulso da Business Factory Aero

En 2022, Enercraft foi unha das empresas participantes na cuarta edición da Business Factory Aero, a aceleradora de proxectos do sector aeroespacial impulsada pola Xunta de Galicia. O obxectivo do seu paso polo programa foi o de centrarse no desenvolvemento dunha solución integral de xestión de enerxía e monitorización de datos para optimizar o uso e prolongar a vida útil das baterías de vehículos non tripulados. “Este segmento ten un crecemento exponencial, polo que representa unha oportunidade de negocio moi grande para a nosa compañía”, detalla Alberto Jurjo. “Un dos factores máis positivos desta experiencia foi ter a posibilidade de formar parte, durante varios meses, dun ecosistema de profesionais, empresas, organismos e institucións con moita experiencia neste segmento, que era novo para nós”, comenta.

A empresa, que recentemente foi gañadora da primeira edición do Mindtech Startup Event, na categoría de Eficiencia Enerxética e Redución do Impacto Ambiental, atópase na actualidade en proceso de captación de socios inversores para consolidar a aposta de negocio, mentres prevén comercializar novos produtos e solucións tecnolóxicas en diferentes sectores industriais, xunto coa entrada en distintos mercados internacionais.

Tamén pode interesarche