Inicio
Actualidade

Ao día!

14/08/2023

Entrevista a Carlos Carrión, presidente de Paco & Lola

Comparte este artigo

Romper cos patróns de deseño permitiu situarnos rapidamente no ‘top of mind’ dos consumidores”

Paco & Lola, con máis de dúas mil parcelas localizadas na comarca do Salnés, é unha adega nova e moderna comprometida cunha forma de facer e experimentar o viño diferente. A súa imaxe distinguida e arriscada, as súas ganas de saír do establecido e a creación dunha marca de recoñecemento mundial convertéronse nos tres alicerces do seu éxito empresarial. Da man de Carlos Carrión, presidente da cooperativa que está detrás da marca, repasamos a súa traxectoria e a súa aposta pola innovación e a tecnoloxía.

Paco & Lola. Como nace este nome?

É unha historia de atrevemento baseada na necesidade. Cando nace a cooperativa alá polo ano 2005 existía a posibilidade de apostar por nomes tradicionais que fixeran referencia a un lugar, un pazo... ou arriscar e explorar outras posibilidades que nos permitisen ter un nome e un deseño que rompesen as regras non escritas, pero si establecidas. Apostouse por ter unha combinación de nomes que fosen fáciles de pronunciar en calquera parte do mundo. A segunda parte trasladaba a responsabilidade ao deseño, de xeito que se alguén se esquecera do nome tivera na mente os lunares.

Ao romper cos patróns de deseño e nomeado de marcas por entón establecidos, permitiunos situarnos rapidamente no top of mind dos posibles consumidores, e o máis importante é que nos permitiu xerar unha riqueza compartida entre as máis de 440 familias que forman Paco & Lola, contribuíndo así dunha maneira decidida e importante á sustentabilidade económica do Salnés.

Son “o viño dos lunares”. Apostaron desde o inicio por unha imaxe diferencial. Imaxinaban o éxito?

No deseño da imaxe ten moito que ver o estudio de Marta Lojo, de deseño, packaging e etiquetas de viño. O deseño das etiquetas do albariño Paco & Lola foi pensado principalmente para a exportación, como comentábamos. Trátase dunha imaxe arriscada que tiña como obxectivo saír do establecido. Apostar pola imaxe era clave, sempre sen esquecerse de que o verdadeiro éxito está dentro da botella e o seu packaging ten que reflectir esa calidade e carácter do viño.

A marca fundouse en 2006 e hoxe está presente en máis de 50 países, cal foi a clave para lograr posicionar Paco & Lola de xeito internacional?

Paco & Lola é unha marca que, xa desde o inicio, foi concibida con vocación internacional, dándolle moita importancia ao packaging e buscando un nome que fose fácil de pronunciar, como diciamos, na maioría das linguas do mundo. Por outra banda, sempre fomos da man da D.O. Rías Baixas, participando activamente en todas as accións de promoción que, sen dúbida, contribuíron á fama internacional que acadou a uva albariño.

Todo o anterior, xunto coa calidade indiscutible do produto, foi a chave para ir posicionando o viño nos mercados internacionais ata convertelo nunha marca referente da nosa Denominación de Orixe e do mercado español.

Cales son os principais mercados de Paco & Lola? Que é o que máis valora o consumidor estranxeiro dos seus viños?

En total, estamos presentes nuns 50 países, e os principais son Canadá, Estados Unidos, Porto Rico, Irlanda, Reino Unido e Holanda. O que máis valora o consumidor internacional é que Paco & Lola ofrece un albariño de moi boa calidade cunha marca e imaxe fácil de identificar, pronunciar e lembrar.

Detrás da marca hai unha cooperativa vitivinícola composta por máis de 400 familias. Que valor engadido lle achega ao produto esta orixe?

O feito de que esta gran familia estea composta por máis de 400 explotacións e 2.000 parcelas tradúcese nunha ampla diversidade dos seus viñedos, avalado polo grande esforzo e sensibilidade de cada persoa viticultora coa fin de acadar os mellores resultados ano tras ano.

O marcado minifundismo, que nos caracteriza, contribúe a un maior potencial de diferenciación de cada elaboración en función do perfil agronómico de cada parcela e as características de cada colleita. Esta “complexa” estrutura de produción, dificilmente replicable, é un dos maiores valores cos que contamos, que implica un manexo cultural tradicional que se apoia ademais no traballo de I+D+i e novas tecnoloxías orientadas á mellora da calidade e sustentabilidade.

O minifundio e a diversidade de parcelas, desde o interior ata a costa, fai que dispoñamos de viñedos para elaboracións de gardas prolongadas, escumoso e de novas elaboracións coas que se está traballando.

Como se pode conxugar innovación e tradición na elaboración do viño? En que se enfoca a súa política de I+D+i?

O feito de dispor de tal diversidade de parcelas obriga a ter atencións específicas para cada tipo de solo, localización, idade dos viñedos... Por iso vólvese moi importante a innovación para fomentar desde a sustentabilidade ata a dixitalización que vai desde a recollida e procesado de datos ata a automatización de procesos. Así, a adega está envolta nunha serie de proxectos de economía circular, como o abonado con subprodutos vitícolas, plataforma dixital de análise de risco de afeccións de enfermidades baseada na recollida de datos atmosféricos en distintas parcelas. Outros proxectos baséanse na IA para a detección de microorganismos no proceso de fermentación. Outros para a xeración de plantas resistentes ás enfermidades ou xeración de alternativas sustentables á fertilización como poden ser as cubertas vexetais.

Tamén pode interesarche