
Ao día!

Intelixencia artificial para impulsar as vendas
PhotoILike é unha spin-off da Universidade da Coruña, xurdida no marco do Programa Ignicia, que utiliza a intelixencia artificial para determinar as mellores imaxes dun conxunto para valorar o seu impacto comercial
A iniciativa PhotoILike naceu en 2021 como unha aposta por levar ao mercado unha tecnoloxía revolucionaria, baseada en sistemas de intelixencia artificial desenvoltos na Universidade da Coruña, capaz de predicir o impacto comercial das imaxes dun anuncio. Por exemplo, detectar cal delas vai obter unha mellor conversión no marco dunha campaña de publicidade (xeración de contactos, chamadas, correos, visualizacións…).
Partindo desta tecnoloxía única, con utilidade en diversos campos, os seus impulsores decidiron apostar por especializarse no sector inmobiliario, xa que a súa proposta tiña a capacidade de achegar un gran valor e impacto nos resultados. “En probas de concepto dos nosos clientes aumentamos máis do 20% os leads e chamadas, simplemente ordenando as fotografías dos seus anuncios inmobiliarios. Tamén automatizamos traballos que antes se facían manualmente, conseguindo facer en 4 segundos o que antes necesitaba unha persoa traballando máis de 20 minutos”, explica Manuel Pérez, cofundador e CEO da iniciativa.
Indestia, a empresa que está detrás de PhotoILike, naceu ao amparo do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (Citic), grazas ao apoio proporcionado polo Programa Ignicia, unha iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Barrié cuxo obxectivo é transferir os resultados da investigación xerada nos centros de coñecemento galegos ao tecido produtivo e valorizar a ciencia. En palabras de Manuel Pérez este apoio foi clave: “Grazas a el tivemos a axuda para lanzar a nosa spin-off, contratar persoal fundamental, desenvolver os primeiros produtos, acceder a financiamento e ser asesorados por expertos”, explica. “Foi totalmente decisivo e recomendamos presentarse a Ignicia a outros investigadores que queiran explorar a creación de novos produtos baseados en tecnoloxía de vangarda”, continúa.
Actualmente, PhotoILike conta con oito persoas e procesaron xa máis de 20 millóns de imaxes dos seus clientes, líderes de varios nichos do sector inmobiliario español. Tamén están a dar os seus primeiros pasos en mercados exteriores, como Francia ou Latinoamérica. “Fundamentalmente dirixímonos a grandes empresas que publican ou xestionan moitos anuncios inmobiliarios e poden levar a cabo unha proba de concepto que permita validar por eles mesmos o impacto da nosa tecnoloxía nos seus anuncios. Tamén estamos a ofrecer a tecnoloxía a pequenas axencias inmobiliarias, xunto cun novo servizo de mellora automática de imaxes”, detalla.
Coa vista posta no futuro, a medio prazo buscan estender a súa gama de produtos para proporcionar un servizo total ás empresas inmobiliarias. “Estamos a iniciar un proxecto para poder rexistrar o gusto estético de cada persoa, de forma que poida acceder aos produtos que encaixan con este gusto en todo tipo de tendas en liña”, avanza.