Inicio
Actualidade

Ao día!

18/08/2023

Entrevista a Inés Rodríguez, artesá e CEO de Inés RIR&Co Deseño Téxtil Artesán

Comparte este artigo

“Con D-Leite quixen amosar que era posible que unha pequena empresa como a miña puidese facer innovación”

A traxectoria da deseñadora artesá Inés Rodríguez, alma do obradoiro RIR&Co (Allariz) é un claro exemplo da unión de deseño e artesanía para buscar a innovación. A investigación en novos materiais, o compromiso coa sustentabilidade e a aposta polo rural son claves no seu proxecto.

Deixar o seu traballo como funcionaria para emprender no eido da artesanía. Que a motivou a dar ese salto?

As motivacións foron varias: por unha banda, o desexo que tiven sempre de dedicarme a unha profesión creativa ou artística que nunca me abandonou, aínda que aprobar unha oposición moi noviña me levou a traballar na administración e ser funcionaria moi cedo, con 19 anos. Por outra banda, de camiño ao traballo tiven un accidente de tráfico sen consecuencias que fixo replantexarme a miña vida, os meus fillos e a necesidade de conciliación (hai dez anos non había teletraballo) e completar a formación dentro dos oficios artísticos que comezara mentres duraba a excedencia.

Cales son os selos de identidade dos produtos elaborados no seu taller de Allariz?

Os selos oficiais cos que contamos son os de Artesanía de Galicia e tamén o selo internacional de Maestría Artesana da HomoFaber Guide, que otorga a Michelangelo Foundation. Así mesmo, os nosos produtos son recoñecidos con diferentes premios de innovación e sustentabilidade e tamén pola calidade dos materiais e a inspiración na natureza e a cultura galega. Ademais de combinar as técnicas máis artesanais do oficio de tecer coa innovación en materiais e deseño.

Combina a produción de calidade cun incesante traballo investigador, empregando materiais moi innovadores que forman parte xa da Materioteca de Galicia, entre eles a fibra óptica. En que se inspira para o seu proceso de creación?

Este é outro dos selos cos que contamos: a innovación que recoñeceu a Axencia Galega de Innovación co Premio de Materiais Innovadores en 2021 e a inclusión de dous materiais na Materioteca, sendo unha das primeiras artesás que tamén ten un rexistro industrial de produto na Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) co tecido de fibra óptica. A inspiración do proceso de creación dun deseño baséase nunha investigación previa para ofrecer unha solución, no caso dun tecido innovador, que achegue algunha mellora ás persoas ou para levar adiante algunha proposta que supoña unha diferencia para o sector.

Facer as cousas doutro xeito. No meu imaxinario sempre está a nosa cultura, a natureza que me rodea, xa que vivo no rural e de aí tomo formas, texturas e cores para trasladalas ós meus deseños e traballos. Tamén a tradición é moi importante: símbolos, formas, tecidos que investigo para recuperar técnicas… pero tamén para transmitilas ás novas xeracións a través dos nosos produtos. Nos tecidos máis artísticos, a mestura de todos estes elementos busca facer reflexionar ás persoas que os contemplan ou se relacionan con eles, como pasa coa colección Ardora, inspirada nun fenómeno marítimo propio das nosas costas. A auga está sempre moi presente nos meus traballos, coma na nosa cultura.

Unha das súas coleccións máis emblemáticas é D-Leite. Como nace este proxecto e en que produtos se emprega?

Desde logo é unha das nosas coleccións máis recoñecidas e que fai que o estudio Téxtil RiR&Co se diferencie dentro do mundo da artesanía e tamén do deseño. Este proxecto nace da necesidade de amosar que se poden realizar novas fibras e novos deseños partindo de materiais naturais que poden encontrarse en refugallos, como pasa co leite que non é apto para consumo humano. Tras moitas horas e mesmo anos de investigación, atopei a fibra de proteína láctea coa que se fai e decidín facer un produto para amosar que era posible que unha pequena empresa como a miña puidese facer innovación. E así foi. Esta manta de bebé de proteína láctea, tecida tamén con lá merina española, inclúe dous produtos que hoxe son pouco empregados no noso país pero que teñen moito potencial.

Ademais de ser hipoalerxénica e biodegradable, combina dous dos nosos valores como marca: o beneficio das persoas e do medio ambiente. Buscamos produtos que fagan sentir ben, neste caso propicia o recordo positivo nos bebés do seu período de crianza e lactación. Ao mesmo tempo, os materiais empregados son naturais e nada nocivos para o medio ambiente. Se a iso lle sumamos un proceso de traballo xusto, feito de xeito local e edición limitada, temos un produto innovador e sustentable.

Que lle achega á súa marca o selo Artesanía de Galicia?

Para min formar parte de Artesanía de Galicia dáme a oportunidade de formación, información do sector e a divulgación do meu traballo en diferentes foros amosando unha artesanía diferenciadora, de calidade e contemporánea.

Tamén pode interesarche