Inicio
Actualidade

Ao día!

21/08/2023

Convocados os IV Premios Galicia de Innovación e Deseño

Comparte este artigo

A Xunta abre ata o 2 de outubro o prazo de presentación de candidaturas a estes galardóns que recoñecen o mellor do deseño e a innovación feitos en Galicia

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, vén de convocar a cuarta edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño para recoñecer o labor das persoas e empresas que están a contribuír significativamente ao desenvolvemento económico e social da Comunidade a través destes dous campos, ambos os dous ferramentas fundamentais para a competitividade e sustentabilidade empresarial.

A convocatoria conta con seis categorías de participación, divididas en dúas seccións. No apartado de deseño, establécense os seguintes premios:  

  • Talento emerxente, dotado con 15.000 € e dirixido a deseñadores e deseñadoras de ata 35 anos de idade cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.  
  • Profesionais, dotado con 15.000 € e dirixido a persoas físicas ou estudos de deseño cunha traxectoria de alomenos cinco anos de recoñecido prestixio no sector.  
  • Empresas, galardón con carácter honorífico dirixido a empresas consolidadas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial ao longo de, como mínimo, dez anos.

Pola súa banda, a modalidade de innovación contempla os galardóns:

  • Traxectoria innovadora, dotado con 15.000 € e dirixido a profesionais e líderes empresariais cunha traxectoria de alomenos dez anos na que a innovación fose unha das súas características relevantes.
  • Pequena e mediana empresa, dotado con 15.000 € e dirixido a pemes con demostrada actividade innovadora durante alomenos cinco anos.
  • Grande empresa, premio con carácter honorífico para grandes empresas cunha actividade innovadora ao longo de, como mínimo, dez anos.

A través desta convocatoria, enmarcada no Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA, a Xunta busca destacar así as mellores prácticas para que sirvan de exemplo a todo o tecido empresarial galego, poñendo de relevo como a innovación e o deseño cumpren un papel esencial para mellorar a competitividade das empresas e, en definitiva, a calidade de vida das persoas.

Algunhas das empresas premiadas na pasada edición foron Unvi Carroceros, Hifas da Terra, Alén Space ou Ceamsa, entre outras.

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 2 de outubro.

As bases da convocatoria poden consultarse aquí.

Tamén pode interesarche