Inicio
Actualidade

Ao día!

22/08/2023

A Xunta impulsa a enerxía térmica renovable

Comparte este artigo

Aberto o prazo de solicitude para que administracións locais e entidades, tanto públicas como privadas sen ánimo de lucro, poidan acceder ás axudas para a instalación de enerxías renovables térmicas

Co obxectivo de impulsar as enerxías renovables e reducir a demanda enerxética dos edificios e infraestruturas públicas, así como a dependencia dos combustibles fósiles, a Xunta, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) vén de abrir o prazo de solicitude para que administracións locais e entidades, tanto públicas como privadas sen ánimo de lucro, poidan acceder a apoios para a instalación de enerxías renovables térmicas.

Preténdese, deste xeito, non só a redución dos custos enerxéticos e a mellora da calidade de vida ligada ao coidado medioambiental, senón tamén contribuír á dinamización económica e a un cambio cultural necesario para abordar a transición enerxética en todos os eidos.

Dotada con 2,3 millóns de euros, a convocatoria contempla apoiar proxectos que empreguen biomasa, xeotermia, hidrotermia, aerotermia e solar térmica.

As axudas convócanse por concorrencia non competitiva cunha intensidade máxima de axuda do 70% e teñen que presentarse de xeito telemático.

Esta liña súmase á ampliación, aprobada o pasado mes de xuño, do orzamento da convocatoria destinada a empresas para o uso do mesmo tipo de fontes renovables. As axudas son dun 35% no caso de grandes compañías, un 40% para as medianas e un 45% no caso das pequenas.

Deste xeito, a Administración galega conta con 14,6 millóns de euros en total para seguir promovendo o uso de enerxías respectuosas co medio ambiente e que permiten importantes aforros económicos. Prevese que estas axudas mobilicen 33,4 millóns de euros, favorezan aforros anuais de 95.000 MWh/ano, reduzan as emisións de CO2 equivalentes á plantación de 1.350.000 árbores e rebaixen os pagos da electricidade en 3,6 millóns de euros ao ano.

Ambas as dúas convocatorias están abertas ata o 2 de xaneiro de 2024.

Tamén pode interesarche