Inicio
Actualidade

Ao día!

23/08/2023

Entrevista a Carlos Fernández de la Peña, conselleiro delegado de Telespazio Ibérica

Comparte este artigo

“Queremos converter a Galicia no referente europeo na industria dos drons”

Telespazio Ibérica, empresa integrada en Leonardo & Thales Group e líder en solucións de alta tecnoloxía aplicadas a defensa, aeronáutica, seguridade, transporte e espazo, é un dos novos socios estratéxicos da Xunta no marco do Polo Aeroespacial de Galicia. Repasamos co seu conselleiro delegado, Carlos Fernández de la Peña, os obxectivos e proxectos innovadores que se realizarán no marco desta colaboración.

Telespazio Ibérica é un dos socios estratéxicos da Xunta no marco do Polo Aeroespacial de Galicia. En que eixos estratéxicos se materializa esta colaboración?

Esta colaboración céntrase en catro eixos: un plan de desenvolvemento de pequenas e medianas empresas, un plan de impulso do sector aeroespacial galego, un plan de desenvolvemento de startups en BFAero, a aceleradora nacida ao amparo do programa Civil UAVs Initiative, e a xeración de emprego de calidade ao redor deste proxecto.

A Xunta e as empresas que participamos nesta iniciativa queremos converter a Galicia no referente europeo na industria dos drons. Estamos a apostar por xerar todo un ecosistema ao redor deste sector, de maneira que cando unha empresa se interese por calquera tema relacionado con drons veña ata aquí para poñelo en marcha. Isto supoñerá un valor engadido, un reforzo na aposta que Galicia está a facer polo sector aeroespacial. Ter aquí a toda a cadea de valor con empresas de diferente tamaño participando no proxecto é a mellor forma de asegurarse o éxito da mesma e da súa continuidade no tempo.

Telespazio Ibérica está a actuar como empresa tractora, deixando que o coñecemento e o produto se deposite en empresas galegas. Ademais, establecemos unha alianza estratéxica con estas a través da compra dos seus servizos. É importante sinalar que elas seguirán sendo propietarias dos seus produtos, co que poderán tamén vendelos libremente no mercado. Comprometémosnos á creación de 101 empregos de alta cualificación e a investir o 75% dos fondos públicos (6,68 millóns de euros) na contratación de 6 empresas e 4 centros de coñecemento. En total, comprometemos 605.000 euros de investimento en retornos indirectos, 1,59 millóns de euros de reinvestimento e 242.000 euros en actividades de emprendemento.

Este compromiso esténdese ao establecemento en Galicia, durante dez anos, dun centro de excelencia en tecnoloxías xeoespaciais, a colaborar coa Universidade de Vigo na posta en marcha dun máster dual e dun programa de bolsas, a investir na Business Factory Aero, a poñer en marcha unha cadea de integración de sistemas non tripulados e un laboratorio de ensaios en Rozas.

Un dos obxectivos de Telespazio neste proxecto é un desenvolvemento tecnolóxico baseado en drons e vinculado á protección da biodiversidade. En que consiste e cales son os seus obxectivos?

A finalidade é monitorizar con drons a biodiversidade de Galicia para poder protexela mellor. Os satélites dannos boas imaxes, pero se utilizamos drons, que voan máis baixo, estas son máis próximas e definen mellor os elementos que queremos analizar.

Así podemos analizar e coñecer a evolución da liña da costa, dos bosques ou de como avanza a deforestación nalgunhas zonas, o risco de incendios, en que situación se atopan algunhas infraestruturas como tubaxes, oleodutos, liñas de electricidade etc. Creamos un produto práctico co que é máis sinxelo e útil traballar.

Aínda que antes de facer todo isto estamos a traballar cos drons en tres liñas: dotalos de comunicacións permanentes, crear sistemas autónomos que permiten ao dron identificar obstáculos para autonomamente esquivalos e, por último, algoritmos de mellora do posicionamento, relacionados co procesado do GNSS de Galileo, para ter unha posición máis precisa e confiable.

Telespazio é líder en España no campo da xeoinformación. Que vantaxes achegan os drons a este campo e como poden impactar na mellora dos servizos públicos e de emerxencias?

Os UAVs ou drons forman parte da estratexia de Telespazio Ibérica para fortalecer a nosa condición como líderes en xeoinformación en España. As imaxes que nos proporcionan os satélites son válidas e útiles para certos traballos. Con todo, somos conscientes de que as imaxes teñen unha resolución limitada e que hai aplicacións nas que esta non é suficiente. Aquí entran en xogo os drons. Ao voar máis baixo danche unhas imaxes cunha resolución mesmo de milímetros. A suma de ambos permítenos dar aos nosos clientes unha oferta máis ampla e satisfacer as súas necesidades.

Xunto coa Universidade de Vigo, impulsan un máster dual pioneiro en España centrado en tecnoloxía xeoespacial. Cal é o seu obxectivo?

Este máster dual en información xeoespacial é unha gran oportunidade para que os graduados procedentes doutras disciplinas se especialicen nestes coñecementos. Queremos que estas persoas acaben traballando connosco e darlles aspectos que necesitamos e que non forman parte das súas disciplinas converténdoos en perfectos candidatos para traballar en Telespazio Ibérica.

O máster suma ademais unha característica que aumenta o seu atractivo. É un ensino dual, compaxina os coñecementos teóricos coa súa necesaria aplicación práctica na contorna laboral. Esta colaboración entre a Universidade de Vigo e a nosa empresa é a resposta idónea para formar o persoal altamente cualificado que moitas compañías tecnolóxicas estamos a demandar e que tan complicado ás veces nos resulta atopar e posteriormente reter.

Como valora a aposta polo sector aeroespacial impulsada pola Xunta de Galicia?

Dunha forma moi positiva. É unha aposta que vén de lonxe e que se consolida ano a ano grazas á combinación dunha política decidida de promoción deste sector, baseada na colaboración entre as diferentes administracións e destas coas empresas privadas.

Outro elemento que eu cualificaría como fundamental é o mecanismo denominado compra pública innovadora, un instrumento moi pegado ao mercado e ao que este necesita. É unha ferramenta para fomentar a innovación a través da adquisición de solucións innovadoras ou de solucións en fase de desenvolvemento a empresas, grupos e centros de investigación.

Con este mecanismo está a desenvolverse no Polo Aeroespacial en Galicia un verdadeiro ecosistema tecnolóxico e estase fortalecendo o ecosistema local. Desta maneira Galicia consolídase nos escenarios tecnolóxicos nacionais e internacionais.

Tamén pode interesarche