Inicio
Actualidade

Ao día!

24/08/2023

Construíndo unha cultura innovadora nas empresas

Comparte este artigo

A creación de valor a través da innovación xoga un papel fundamental para a competitividade das empresas no contexto económico actual. Promover o ánimo de avanzar é a clave

A innovación empresarial implica a posta en marcha ou a comercialización no mercado de novos produtos, servizos ou procesos nas empresas. A chave está en lograr melloras ou diferenzas notables na túa empresa ou no teu mercado fronte ao que existe ou empregades hoxe en día.

Introducir a cultura da innovación nunha empresa non é un proceso inmediato que se faga dun día para outro. Pero, por onde empezar? En moitas empresas tradicionais predomina o lema de “deixalo estar” ou “aquí sempre se fixo así”. A clave está en estar abertos a cuestionar o estado das cousas e en ver o cambio como motor de crecemento e evolución, como se indica no Caderno de Innovación dedicado a este tema e elaborado pola Axencia Galega de Innovación.


5 pasos para introducir a cultura innovadora

  • Definir o obxectivo da innovación. A pregunta non é “Como podemos innovar?” senón máis ben: “Para que queremos innovar?”. A innovación debe asociarse a un valor concreto dentro da organización: desenvolver un novo produto ou servizo para atender as demandas do mercado ou dun nicho concreto de clientes; resolver un problema que impacta no rendemento da empresa; optimizar un procedemento interno;  buscar alternativas rendibles e circulares para o refugallo do proceso de produción, etc.
  • Transformar as ideas en realidades. A innovación sempre é un paso máis aló da idea. Polo tanto, debe haber un compromiso por parte do equipo directivo para impulsala e as ferramentas necesarias para poder implementala.
  • Enfoque aberto e visión compartida A cultura innovadora non debe circunscribirse á cúpula empresarial ou a un departamento concreto da empresa. É preciso involucrar a todas as áreas e eliminar as barreiras que impiden que nazan ou prosperen as novas ideas. Neste proceso, axudan metodoloxías de co-creación, como as reunións de brainstorming ou o chamado design thinking, que poñen as necesidades do cliente como punto de partida.
  • Proba-erro. No proceso de innovar, é importante tomar nota das leccións aprendidas de cada proxecto de innovación, especialmente daqueles que non saíron ben para telo en conta de cara ao futuro.
  • Adaptación ao ritmo de mercado. A axilidade á hora de afrontar as transformacións para dar resposta ás necesidades dos clientes é fundamental nun mercado tan cambiante como o actual. Estar sempre atentos ás tendencias e á competencia global permite detectar novas oportunidades.

A Axencia Galega de Innovación conta cunha morea de recursos para fomentar a innovación entre as pemes galegas, entre eles os Cadernos de innovación nos que se explican diferentes técnicas e ferramentas; ou a colección de casos de éxito de pemes galegas innovadoras que visibilizan todo o potencial e oportunidades do noso ecosistema de innovación.

Ademais, a Xunta de Galicia, co obxectivo de promover a cultura da innovación entre o tecido empresarial galego, conta con diferentes programas de apoio como InnovaPeme e DeseñaPeme, orientados a incrementar a competitividade a través do deseño e a innovación; os Bonos de innovación, para actuacións a curto prazo e dun menor importe; a aceleradora de internacionalización para proxectos innovadores Galicia Avanza; o traballo das distintas business factories; ou a iniciativa Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade.

Tamén pode interesarche