
Ao día!

Galicia avanza na circularidade e a revalorización de residuos
Cigat Circular é o resultado da colaboración entre Viaqua e Cetaqua Galicia co apoio da Xunta a través da Axencia Galega de Innovación no marco do programa Unidades Mixtas de Investigación.
Este Centro Mixto supón a continuación do traballo desenvolvido polas dúas entidades nas dúas Unidades Mixtas previas: Cigat (2015-2018) e Cigat Biofactoría (2018-2021). A presente etapa terá unha duración de catro anos e mobilizará un total de 3,5 millóns de euros, dos cales a Xunta achegará o 40% do investimento. Ademais, suporá 12 postos de traballo cualificados, entre os de nova creación e os de mantemento.
Liñas de traballo
Cigat Circular evoluciona para ampliar coñecemento na liña de xeración e recuperación de subproductos. Para iso, enfócase en diferentes liñas de investigación e innovación para pechar a circularidade dos eixos prioritarios (auga, enerxía e residuos) do seu proxecto predecesor Cigat Biofactoría.
A primeira liña, relacionada co eixo da auga, céntrase no desenvolvemento de tratamentos avanzados para a eliminación de microplásticos e a obtención de auga reutilizable. No ámbito da enerxía, busca impulsar unha liña centrada no aproveitamento enerxético para a obtención de hidróxeno verde e biometano. Respecto ao eixo dos residuos, contempla dúas liñas de investigación: unha primeira directamente relacionada coa produción de biocompostos de alto valor engadido e outra co aproveitamento dos recursos presentes nas correntes residuais.
Co obxectivo de impulsar as industrias de base renovable en Galicia, Cigat Circular expón, ademais, a introdución dun eixo dixital que actuará como catalizador para a creación e consolidación de modelos de negocio sustentables baseados en cadeas de valor circulares.
Este Centro Mixto de Investigación, ademais de estar aliñado cos retos e prioridades da Estratexia Galega de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, dá resposta tamén ás metas que establece a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que marca como obxectivo a redución do 55% das emisións de gases de efecto invernadoiro para 2030 e alcanzar a neutralidade climática na rexión antes de 2050.