Inicio
Actualidade

Ao día!

06/09/2023

Ecoforest, á vangarda da innovación en calefacción a partir de fontes de enerxía renovables

Comparte este artigo

A empresa, que conta cun equipo de 200 persoas nas súas plantas de Porto do Molle (Nigrán) e Polígono da Pasaxe (Gondomar), desenvolve solucións sen combustibles fósiles ligadas á enerxía limpa e á sustentabilidade

A Unión Europea ten como prioridade reducir a súa dependencia de combustibles fósiles e aumentar o uso de fontes de enerxías renovables co obxectivo de ser neutral desde o punto de vista climático para 2050. Neste contexto de transición enerxética, empresas como a galega Ecoforest, cos seus innovadores sistemas de climatización e refrixeración sostibles e eficientes, xogan un papel fundamental.

A súa historia remóntase a 1959, cando o emprendedor José Carlos Alonso fundou unha empresa de recambios de fontanería e equipos de calefacción que foi ampliando a súa actividade ata comezar a importar estufas de pellets de Canadá. Co tempo, en 1992, a empresa ampliou a súa actividade e revolucionou o mercado para converterse na firma pioneira á hora de fabricar estufas de pellets en Europa, o que supuxo un cambio radical de actividade. E só un ano despois, Ecoforest innovou cun novo produto: as hidroestufas de pellets, que combinan o potencial decorativo das estufas coa funcionalidade das caldeiras, xa que permiten ver o lume da combustión e están conectadas ao circuíto de auga quente, polo que poden quentar radiadores, por exemplo.

Os sistemas de climatización Ecoforest

Ecoforest conta na actualidade con dúas divisións, que basean a súa proposta de valor na tecnoloxía: a de biomasa, que comercializa estufas de aire, estufas canalizables e caldeiras de pellets e leña; e a de bomba de calor, creada hai 11 anos e na que acolleu a moitos investigadores da Universidade de Vigo. A bomba de calor supuxo de novo un salto cualitativo para a empresa, ao ampliar o seu catálogo cun produto altamente tecnolóxico que diversificou a súa carteira de clientes e que consideran clave no futuro para un sector e unha sociedade máis sostibles.

As bombas de calor funcionan coa mesma lóxica que fai funcionar os frigoríficos: cun líquido refrixerante capaz de transferir a enerxía ambiente ao exterior, para arrefriar a casa, ou á inversa, para quentala. Este intercambio de enerxía fai que as bombas de calor sexan capaces de multiplicar cada kW de enerxía consumido ata en 6 kW térmicos, dependendo da instalación. No caso das bombas de calor aire-auga a transferencia de enerxía realízase co aire. “A diferenza radical da gama ecoAIR+ PROL radica en que o refrixerante é propano, en lugar dos refrixerantes sintéticos que empregan outros fabricantes. Isto permite que o impacto sobre o medio ambiente sexa ata 700 veces menor”, explican desde a empresa. Ademais, desde un punto de vista práctico, o uso do propano como refrixerante permite aumentar as temperaturas de traballo das bombas de calor e instalalas en proxectos de reforma que optan por manter os radiadores como sistemas de emisión.

Actualmente Ecoforest conta con 200 traballadores nas súas plantas de Porto do Molle (Nigrán) e Polígono da Pasaxe (Gondomar). A empresa está presente en máis de 30 países, destacando Portugal, Francia, Reino Unido, Alemaña e Holanda.

Nun escenario no que cada vez é máis importante o aforro e a eficiencia enerxética no fogar, desde a empresa sinalan que Ecoforest achega un produto cunha tecnoloxía punteira, acompañado por un equipo especializado, para asegurar que as instalacións sexan o máis eficientes posibles. “As estufas Ecoforest contan co seu propio sistema de electrónica que avalía de maneira continua a temperatura ambiente e a combustión para queimar só o combustible necesario para alcanzar a temperatura ou potencia desexadas. En bomba de calor, todos os equipos contan coa capacidade de integrarse desde hai anos en instalacións con placas fotovoltaicas e son capaces de aproveitar ao máximo a enerxía producida para conseguir instalacións que se achegan o máximo posible ao equilibrio total entre produción e consumo”, sinalan.

Ecoforest conta co seu propio departamento de I+D desde o que se traballa de maneira continua no desenvolvemento e mellora do catálogo. Na actualidade están centrados en ampliar a potencia dos seus equipos e a gama de bomba de calor con refrixerante natural.

Tamén pode interesarche