
Ao día!

Eco-Smart Batt impulsa a electromobilidade sustentable
O impulso do transporte eléctrico e híbrido abre tamén grandes retos tecnolóxicos, como dar solución aos aspectos relacionados coas baterías, para incrementar o seu rendemento enerxético e vida útil, reducir o seu impacto medioambiental ou aumentar a súa rendibilidade.
Baixo este contexto e co obxectivo de ofrecer solucións para mellorar significativamente a densidade enerxética, o custo e a sustentabilidade das baterías ión-litio, naceu en 2020 o proxecto Eco-Smart Batt, cun consorcio liderado por Ferroglobe Innovation e formado polo Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim), Enso Innovation, ABCR Labs e Ártabro Tech.
Ao longo dos seus catro anos de duración, leváronse a cabo novas investigacións en fabricación sustentable e intelixente de materiais e as súas combinacións sinérxicas. O desenvolvemento de tecnoloxías de monitorización, control e simulación foron un elemento fundamental para deseñar procesos de produción máis eficientes e rendibles, facilitando deste xeito a evolución e a transformación do sector transporte cara á sustentabilidade, descarbonización e redución de emisións.
Concretamente, o obxectivo principal de Eco-Smart Batt foi a fabricación sustentable e intelixente de diferentes produtos e nanocompostos para conformar unha nova xeración de produtos de baterías de ión-litio de alta densidade enerxética. O proxecto buscou a mellora de baterías de terceira e cuarta xeración empregadas en vehículos híbridos e eléctricos.
Ademais, para mellorar a eficiencia, rastrexabilidade e reproducibilidade dos procesos de fabricación dos diferentes materiais e produtos, levou a cabo o estudo de tecnoloxías punteiras de industria 4.0: dixitalización de procesos e xemelgos dixitais dos procesos de obtención de micro e nanopartículas de silicio e celulosa; tomografía por muóns na fase de purificación de silicio; automatización da montaxe de celas electroquímicas por medio de robótica avanzada e deseño de xemelgos dixitais do proceso, e rastrexabilidade desde a orixe ata produtos finais por medio de blockchain.
Programa Fábrica Intelixente e Sustentable
Ao proxecto, que contou cun orzamento total de 2,7 millóns de euros, concedéuselle unha axuda de 1,7 millóns a través do programa de Fábrica Intelixente e Sustentable da Xunta de Galicia, cofinanciado pola Unión Europa a través de fondos Feder do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
O obxectivo desta iniciativa é apoiar proxectos de I+D e innovación de carácter estratéxico para o tecido industrial galego e que se centren no desenvolvemento de tecnoloxías dixitais e verdes fundamentais para acadar un modelo produtivo innovador.
Esta liña de axudas conta cun gran impacto sobre o ecosistema galego de innovación na medida en que permite apoiar proxectos transformadores da industria e impulsar así a competitividade da economía galega a través do coñecemento. Ademais, fomenta a colaboración entre organismos de investigación e o tecido empresarial.