Inicio
Actualidade

Ao día!

13/09/2023

Entrevista a Óscar de Miguel, Presidente de Startup Galicia

Comparte este artigo

“O formato de proxecto empresarial que representa a startup non é soamente unha forma de facer as cousas que está de moda”

Startup Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro creada para impulsar, dinamizar, unificar e mellorar o ecosistema emprendedor en Galicia. Os seus principais obxectivos son fomentar a conexión entre persoas e proxectos, darlles a visibilidade que precisan e achegar valor a través de networking e eventos de varios tipos.

Que é Startup Galicia e cales son os seus obxectivos?

Startup Galicia é unha asociación co obxectivo de realizar un gran impacto na comunidade a través de tres eixos fundamentais:

A conexión entre persoas e proxectos para que desenvolvan máis actividades entre elas e descubran as necesidades individuais e ferramentas para facerlles fronte.

A visibilidade entre as persoas e as startups do que se fai en Galicia e do que fai Startup Galicia para impulsar todo isto. Queremos conseguir difusión nos medios de comunicación, crear vínculos con outros ecosistemas, etc.

O valor para as persoas que son socias e para os partners que apoian a nosa actividade.

Que actividades realizan para dinamizar o ecosistema emprendedor galego?

A achega máis importante desenvolvémola na parte da conexión e da visibilidade, utilizando para isto a newsletter, que reciben cada luns máis de 1.200 persoas, o chat Furancho, para que a xente poida conectarse con outros emprendedores mediante canles temáticas e mensaxes privadas, e os eventos.

Organizamos tres tipos de eventos que permiten mostrar as actividades e proxectos existentes e tamén xerar un espazo para que a xente comparta con outra xente na contorna dunha formación, unhas charlas ou directamente, porque si. 

  • As eSmorGas, que son reunións nun bar simplemente para coñecerse e compartir experiencias, ideas, retos, etc.
  • Os AMAs (do inglés, Ask me anything), charlas con relatoras de ampla traxectoria en emprendemento, tecnoloxía, etc. Nas que son os asistentes os que elixen as preguntas.
  • Os Fiadeiros, formacións que imparten persoas con moita experiencia nas que contan todos os seus truquiños, aprendizaxes propias, etc. Nunha contorna de moita confianza, sen gravar e con poucos asistentes.

Anualmente promovemos a realización do NosDay, un dos eventos máis importantes sobre emprendemento que se realiza en Galicia, con entre 150 e 200 asistentes, relatores galegos, españois e estranxeiros de referencia e un formato moi ‘riquiño’.

Cales son os principais retos á hora de transformar a idea en proxecto empresarial?

  1. Montar un gran equipo, ben armado, complementario e cunha capacidade de perseguir unha visión pero ser capaz de adaptala á realidade (o que os anglosaxóns chaman ’coachability’).
  2. Obter unha vantaxe competitiva que poida acelerar o proxecto e facer fronte aos competidores.
  3. Ter a capacidade para equilibrar a innovación tecnolóxica, xerar o produto e ligalo co mercado e as vendas, achegando o ‘Product Market Fit’.

Existen máis dificultades que tamén xogan un papel fundamental, como as fontes de financiamento ou a administración pero ser forte nos tres puntos anteriores fai máis abordables o resto de retos.

Que ámbitos xeran máis vocacións emprendedoras na actualidade?

O ámbito tecnolóxico en canto a desenvolvemento de software, intelixencia artificial e big data xera moita vocación ao acelerar a creación de formas distintas de achegar valor, reducindo recursos en procesos ou permitindo o desenvolvemento de actividades dunha forma que ata o de agora non era posible.

Por outra banda, pola nosa traxectoria, localización e desenvolvemento previo, o campo e o mar ofrecen en Galicia moitas oportunidades, ademais da biotecnoloxía, cun percorrido moi forte que cada vez ten máis peso na comunidade.

Como valorades a nova Axenda Startups Galicia posta en marcha pola Xunta? Por que é tan importante favorecer o impulso das startups para o tecido económico da Comunidade?

A Axenda Startups Galicia contén gran parte das actividades que poden xerar crecemento e reforzar a comunidade emprendedora e estaremos pendentes da súa implementación para medir o seu impacto.

O formato de proxecto empresarial que representa a startup non é soamente unha forma de facer as cousas que está de moda, senón unha forma moi interesante e potencialmente moi rendible para xerar disrupción e innovación a maior velocidade da que poden alcanzar as empresas tradicionais.

Unha startup, ademais de xerar un beneficio exponencial en relación co seu custo, atrae talento, favorece a conexión, aumenta a visibilidade da nosa rexión e achega incontables ingresos indirectos. Galicia ten universidades de prestixio en campos nos que desenvolver startups como a biotecnoloxía, un forte tecido empresarial en canto a téxtil ou automoción e moito máis talento do que parece. Temos bos ingredientes para facer un caldo, pero temos que cocelo de forma idónea.

Como evolucionou a comunidade emprendedora desde a fundación de Startup Galicia e que retos ten a asociación para o futuro?

Startup Galicia naceu no 2015 para unir ás persoas emprendedoras, dar soporte a esa comunidade crecente e demostrar que se podían facer cousas en Galicia sen ter que ir a outros sitios. Agora todo é distinto. A comunidade cambiou moito coa chegada de xente de fóra para traballar en Galicia, a democratización do teletraballo ou a maior densidade de persoas involucradas.

Hai máis espazos para interconectar á comunidade e moita máis sensibilización por parte da administración, con axencias involucradas, máis investimento e movementos estatais de relevancia como a Lei de Startups.

Queda moito por facer, sobre todo en canto a aumentar a densidade da comunidade co fomento da cultura emprendedora, xerar renovación nas novas xeracións, unificar a linguaxe e os incentivos entre actores como a universidade, a empresa e a administración e, no caso desta última, unha evolución grande para facilitar máis os procesos de emprendemento.

O maior reto non é soamente contar con apoios económicos para desenvolver as nosas actividades, senón ir máis aló, ser referencia de startups e persoas emprendedoras, conectar comunidade, formación, empresa e administración e sumar cantas máis mans mellor para xerar o maior impacto posible.

Tamén pode interesarche