Inicio
Actualidade

Ao día!

14/09/2023

Intelixencia natural para a revalorización do zurro

Comparte este artigo

A empresa Bioprana, con base en Nigrán (Pontevedra), traballa cunha formulación bacteriana para resolver os diversos retos aos que se enfronta o sector primario á hora de xestionar os subproductos orgánicos

O xerme de Bioprana debemos buscalo alén do Atlántico, concretamente en Costa Rica. De alí é natural Carla Salazar, fundadora xunto ao seu marido Fernando Rey, de orixe galega, deste proxecto enmarcado no ámbito da biotecnoloxía verde. Conscientes da problemática que supón para as granxas o zurro e a súa xestión, puxeron en marcha unha transferencia de coñecemento desde Latinoamérica, onde se conta cun elevado know how neste campo, ata Galicia. “Decidimos vir emprender aquí por moitas razóns. Entre elas, o peso do sector primario, a aposta dos gobernos europeos polo coidado do medioambiente e a proximidade cos gandeiros e agricultores para testar as nosas biosolucións”, explica Carla Salazar, actual project manager da empresa.

O seu activador Bioprana é un cóctel bacteriano moi eficiente que, aplicado sobre a materia orgánica, como o zurro ou o esterco das granxas de vacún ou leite, reverte o proceso de putrefacción para iniciar un de “fermentación útil”. Como eles mesmos explican de forma divulgativa, “ao final, do que se trata é de balancear e equilibrar a presenza de bacterias boas e malas para obter os resultados que buscamos”.

A lista de beneficios da súa biosolución é numerosa: minimízanse ou reducen os malos cheiros, mellórase a licuación do esterco, evitando atascos nas fosas sépticas e optimizando a súa limpeza e xestión e redúcese a presenza de patóxenos. “Ademais, o ano pasado, en colaboración coa Universidade de Stuttgart (Alemaña), fixemos unha medición de gases de efecto invernadoiro e comprobamos a efectividade de Bioprana na redución de emisións de metano, óxido nitroso e amoníaco”, explica, polo que contribúen tamén a paliar os efectos do cambio climático.

Finalmente, pechando a circularidade completa do produto, a outra gran baza de Bioprana é a súa contribución ao reequilibrio do propio chan. “Cando ese zurro enriquecido se usa como abono xera un impacto moi importante no chan, xa que axuda a rexeneralo e a fortalecer a súa microbiota, sendo menos dependente de pesticidas e fertilizantes químicos”, detalla. “Agora que se fala tanto da intelixencia artificial, nós reivindicamos a aplicación da intelixencia natural que sempre existiu para resolver eses atascos que existen agora na sociedade”, remarca Salazar.

A empresa conta co seu propio laboratorio de I+D+i creado en 2020. Ademais de en Galicia, contan cunha ampla rede de distribución en España para comercializar os seus produtos a granxas de leite, vacún ou porcino, que son o seu principal nicho de mercado. Aínda que xa detectan oportunidades noutros sectores. “Por exemplo, temos un proxecto de investigación para poder tratar augas residuais e contribuír á súa circularidade para combater situacións de seca e escaseza de auga”, explican.

Apoio de InnovaPeme

Bioprana foi unha das empresas beneficiarias do programa InnovaPeme, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación. “Con este apoio realizamos un proxecto de investigación, que estamos case terminando, do uso dos microorganismos no zurro e de como afecta iso ao chan, xa con medicións específicas e moi dirixidas á redución de abonos minerais, que é un gran reto para o sector primario, non só para o colectivo dos gandeiros senón para toda a agricultura en xeral”, conta.

Ademais, coa Universidade de Vigo, “realizamos un proxecto de metaxenómica deses chans para saber identificar as bacterias que están presentes con nomes e apelidos”.

No futuro máis inmediato, Bioprana quere poñer ao dispor dos seus clientes (gandeiros, agricultores…) unha app coa maior cantidade de información posible para axudarlles a mellorar a xestión das súas granxas e achegarlles o valor engadido que supón incorporar o concepto de sustentabilidade. 

Tamén pode interesarche