Inicio
Actualidade

Ao día!

19/09/2023

Medicina de precisión para mellorar a calidade de vida dos pacientes

Comparte este artigo

DIVERSA Technologies, spin-off do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e do Servizo Galego de Saúde, centra a súa actividade na transferencia á clínica de novas moléculas terapéuticas para favorecer o desenvolvemento de medicamentos innovadores máis eficientes e mellorar a vida dos pacientes

DIVERSA logra impactar en toda a cadea de valor do desenvolvemento de medicamentos grazas a un modelo de negocio que se sustenta en tres eixos fundamentais: a venda de reactivos de laboratorio listos para usar nas primeiras validacións e probas de concepto orientados a persoal investigador e organizacións de investigación clínica (clinical research organizations, CROs), o establecemento de acordos de desenvolvemento de novos fármacos e de licenzas dirixidos a empresas biotecnolóxicas e farmacéuticas que queiran avanzar ata a clínica coas súas moléculas e o I+D propio en nanomedicamentos innovadores.

Claro exemplo de caso de éxito de transferencia de coñecemento da universidade ao mercado, DIVERSA foi fundada pola investigadoras María de la Fuente e Abi Vázquez e o xefe de Servizo de Oncoloxía do CHUS, Rafael López, contando en todo momento coa implicación da Oficina de Transferencia tecnolóxica (TTO) do FIDIS. “Identificamos unha necesidade e quixemos darlle resposta a través da constitución de DIVERSA, solicitamos transferencias de fondos e levamos ao mercado os resultados da nosa investigación”, expón Abi Vázquez, unha das súas cofundadoras e Chief Operating Officer.

O seu empeño en proporcionar solucións a necesidades médicas non cubertas constitúe unha parte fundamental da área de actividade da empresa, que se centra no desenvolvemento de nanomedicamentos a base de mRNA, a participación en proxectos de I+D+i en colaboración con institucións públicas que operan no ámbito da inmuno-oncoloxía (CIMA), vacinas para a tuberculose (Universidade Católica de Lisboa) e enfermidades raras metabólicas (Centro Nacional de Biotecnoloxía).

Apoio do Programa Ignicia

Desde o seu deseño e validación ata a súa transferencia, o desenvolvemento da tecnoloxía de DIVERSA supuxo anos de traballo na Unidade de Nano-Oncoloxía e Terapéutica Traslacional do IDIS e do Sergas. O financiamento obtido a través do Programa Ignicia da Xunta de Galicia en 2019 foi clave para materializar esa transferencia de resultados derivados da investigación e a constitución de DIVERSA, “no marco do Proxecto Ignicia desenvolvéronse produtos, elaborouse unha estratexia de propiedade intelectual e perfilouse un plan estratéxico para a creación de valor e incentivos a investidores privados”, afirma Vázquez.

A pesar da súa recente constitución, o labor de DIVERSA xa foi recoñecido en diferentes ocasións, como o Premio Ricardo Bescansa Martínez da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) por ser un caso de transferencia de tecnoloxía exitoso, o Premio Emprego Local (PEL) á Mellor Iniciativa Empresarial da Deputación da Coruña, o Premio de Excelencia Galega na categoría de Novos Emprendedores da Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (Aega-Cat) ou o recoñecemento da spinoff punto gal.

Esta empresa santiaguesa, na vangarda da biotecnoloxía e a nanomedicina aspira a converterse en referente en canto ao desenvolvemento de novas terapias que poidan mellorar a vida das persoas desde a perspectiva da medicina de precisión. Máis a curto prazo, liderar o sector de liberación de fármacos, consolidarse no mercado dos reactivos de laboratorio, alcanzar novos mercados ou lanzar novas referencias de reactivos para cubrir todo o abanico terapéutico son algúns dos obxectivos de DIVERSA para os próximos anos.

Tamén pode interesarche