
Ao día!

O dron máis seguro, con máis autonomía e alcance e maior capacidade de carga do mercado é galego
A orixe de SAEGA atopámola no ano 2016, coa irrupción no mercado das primeiras “eVTOL” (Electric Vertical Take off and Landing aircrafts), aeronaves eléctricas de despegamento e aterraxe verticais chamadas a revolucionar a mobilidade por ter a capacidade de satisfacer en parte as demandas dun mercado puxante cuxo crecemento estaba limitado pola escasa autonomía dos drons multicópteros.
SAEGA xa contaba naquel momento cunha importante experiencia no deseño de estruturas aeronáuticas, tanto para a aviación civil como para a militar, pero non foi ata 2020 cando deron o paso de constituírse como empresa e comezar co deseño e fabricación dos primeiros prototipos. Hoxe produce aeronaves a medida para sectores clave como defensa, agricultura, gandería, industria ou sanidade e con multitude de aplicacións prácticas: envío de paquetería, apoio a emerxencias e envío de medicamentos, mantemento de liñas de alta tensión, inspección de vías, control de incendios, operacións militares, vixilancia aduaneira, procura de persoas en terra e mar etc.
Tecnoloxía innovadora, eficiencia aerodinámica e lixeireza
En outubro do 2021 obtiveron a patente do modelo Anduriña 25, unha plataforma que combina os últimos avances tecnolóxicos no que se refire á fabricación en material composto, eficiencia aerodinámica e optimización da estrutura para conseguir unha maior lixeireza. Anduriña 25 conta cun novo deseño estrutural e aerodinámico innovador que lle permite voar en condicións fiables e seguras sen poñer en risco nin a integridade da aeronave nin a carga que leve. Tal e como explica Óscar Piñeiro, Xerente de SAEGA, “é un dron seguro porque todos os seus sistemas críticos son redundantes, se se parase un dos seus oito motores, poderiamos seguir voando”. A robustez e a aerodinámica son tamén puntos fortes do Anduriña 25, atopámonos diante dun modelo altamente eficiente que reduce substancialmente o consumo de enerxía cando voa como á fixa.
O impulso de Business Factory Aero
Da súa participación en BFAero, concretamente no itinerario de aceleración da 4ª Edición, Piñeiro destaca a forte aposta da Xunta de Galicia no sector dos vehículos non tripulados poñendo ao alcance das startups os medios necesarios para impulsar proxectos aeronáuticos e facilitando o acceso ás grandes empresas tractoras e a recursos tanto humanos como materiais aos que doutra maneira sería moi difícil acceder.
“Trátase dun programa moi intenso no que se conseguen grandes avances en poucos meses xa que todo o equipo da BFAero tenta sacar o máximo partido de cada un dos proxectos acelerados”, asegura. A visibilidade é outra das vantaxes que máis valora o xerente, debido a que lles axudou a achegarse a posibles investidores e futuros clientes, grazas ao que conseguiron presentar o seu proxecto a grandes empresas do sector que mostraron interese no produto, “o impacto foi enorme, estamos moi preto de validar o produto mínimo viable para poder saír ao mercado en 2024”.
A investigación forma parte do ADN de SAEGA, por este motivo, non só se atopan desenvolvendo as probas necesarias para garantir que o dron cumpre coas especificacións técnicas, senón que tamén continúan traballando na procura de solucións para a integración de enerxías alternativas no Anduriña 25, así como estudando novas oportunidades de negocio.
Sobre os seus obxectivos, Piñeiro teno claro “poder saír ao mercado cun produto comercial a mediados do 2024 e establecer alianzas con partners internacionais que nos permitan acceder a mercados exteriores a longo prazo”.