Inicio
Actualidade

Ao día!

22/09/2023

Investigación ao servizo do patrimonio histórico e cultural

Comparte este artigo

Parteluz Estudio é unha empresa de conservación e restauración de bens culturais que está especializada en pintura, escultura e arquitectura patrimonial. O seu último proxecto busca desenvolver protocolos para eliminar permanentemente a colonización por plantas de bens do patrimonio histórico-artístico

En Parteluz Estudio fixéronse unha pregunta: é posible eliminar as plantas que medran e colonizan a pedra dos bens culturais e evitar que volvan a enraizar de novo pouco tempo despois?

Este é o punto de partida para o proxecto que se desenvolve no Parque do Pasatempo en Betanzos e para o que incorporaron a Diana Pérez, estudante de doutoramento de Bioloxía, a través do programa de Doutoramento Industrial da Xunta de Galicia.

Baixo o título “Desenvolvemento de protocolos de limpeza da colonización biolóxica perdurable para a súa aplicación en bens do Patrimonio Cultural”, o proxecto persegue combinar os coñecementos académicos cos prácticos do ámbito da restauración para sentar as bases que permitan o desenvolvemento de protocolos de limpeza duradeira da colonización biolóxica. Para iso, están levando a cabo experiencias de campo directamente sobre os bens do Pasatempo de Betanzos e probas de laboratorio, en colaboración co Grupo de estudos medioambientais aplicados ao patrimonio natural e cultural (GEMAP) da Universidade de Santiago.

Parteluz Estudio, ubicada en Lugo e da que é xerente Uxía Aguiar, historiadora de Arte e restauradora especializada en escultura, encargouse nos últimos anos da restauración de elementos arquitectónicos do Patrimonio Histórico Artístico Monumental Galego e en todos eles dedicou unha parte importante dos seus recursos a sanear a colonización biolóxica porque está presente de forma abundante en todas as superficies expostas ao aire libre.

Á finalización deste proxecto, disporán dunha avaliación dos diferentes métodos de eliminación da colonización biolóxica empregados nos traballos de restauración do patrimonio de pedra sobre distintos organismos, materiais pétreos e condicións ambientais, tanto en laboratorio como en exterior. Estarán en disposición de propoñer protocolos para a eliminación permanente da colonización biolóxica no patrimonio histórico-artístico especialmente en zonas de climatoloxía húmida e morna, como é o caso de Galicia.

Transferencia de coñecemento

A limpeza dos elementos de patrimonio cultural e artístico é a primeira tarefa que se realiza na dinamización dos centros históricos, permitindo devolver o esplendor orixinal ao ben patrimonial para maior desfrute da cidadanía.

 O proxecto levado a cabo no marco do programa de Doutoramento Industrial da Xunta de Galicia suporá un impacto na comunidade científica internacional ao non existir un estudo holístico previo destas características e constituirá a primeira proposta de protocolos de eliminación perdurable da colonización biolóxica en pedra.

Programa Doutoramento Industrial

Diana Pérez é unha das doutorandas que participan no programa de Doutoramento Industrial da Xunta de Galicia para apoiar a contratación de doutorandos por empresas galegas para os seus proxectos de investigación e innovación.

Está prevista proximamente a terceira edición do programa, dotado con 1,9 millóns de euros, coa que se pretende apoiar a contratación doutros 15 estudantes. A axuda máxima anual para a empresa ou centro tecnolóxico é de 36.000 euros, que se complementa coa axuda destinada á universidade para cubrir os gastos de desenvolvemento do proxecto e o custo da matrícula no programa de doutoramento (ata 10.000 euros máis).

Tamén pode interesarche