Inicio
Actualidade

Ao día!

26/09/2023

Máis sustentable, innovador e dixital: o futuro de Tecnópole

Comparte este artigo

O Parque Tecnolóxico de Galicia vén de presentar o seu Plan Estratéxico ata 2025, afrontando o futuro a través de cinco eixes fundamentais: a ocupación do espazo dispoñible, o desenvolvemento empresarial, o fomento da innovación, a sustentabilidade e a formación e a comunicación

Inaugurado en 1992 e situado en San Cibrao das Viñas (Ourense), o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole alberga na actualidade máis dun centenar de empresas, sumando un total de 1.500 profesionais.

O seu Plan Estratéxico ata 2025 é a folla de ruta que define o futuro e a estratexia do Parque para os vindeiros anos, co obxectivo de continuar sendo un referente para as empresas máis tecnolóxicas e innovadoras.

Ocupación de espazos

No primeiro eixe estratéxico, relacionado coa ocupación de espazos, avanzarase na recuperación do edificio de incubación da extinta Cámara de Comercio de Ourense. Ademais, proxectaranse novos espazos para permitir o crecemento de empresas medianas, mediante módulos de 500 m2 en alugueiro, interconectados e con servizos comúns. Outra das propostas é a creación dunha carpa para eventos en madeira, co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal – Xera.

Desenvolvemento empresarial

Neste apartado, Tecnópole contempla varias accións para o futuro inmediato. Entre elas destaca o impulso de proxectos innovadores como o futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia que se vai instalar no Parque e que contribuirá ao fortalecemento da ciberseguridade na administración pública, na cidadanía e nas empresas, ao tempo que se favorecerá o desenvolvemento de talento especializado neste eido. Prevese que estea operativo a mediados de 2025.

Ademais, o Parque dispón dun espazo destinado a impulsar ideas de negocio viables, no que se axuda aos emprendedores a validar o seu modelo de negocio, así como a desenvolver as habilidades imprescindibles para poñelo en marcha. Ademais, Tecnópole colabora co Programa INCUVI da Universidade de Vigo para acoller proxectos de emprendemento universitario. E, xunto ao Igape e AJE Ourense creouse o primeiro Polígono Virtual de Galicia, con sede en Tecnópole, que permitirá ofertar servizos de alto valor engadido no eido da dixitalización ata a 300 beneficiarios. Por outro lado, está en marcha a segunda edición do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras “Galicia Avanza”.

Xunto a todo o anterior, o Parque dispón de infraestruturas singulares para dar tamén apoio ao desenvolvemento empresarial. Destaca en particular o Centro de cirurxía experimental e formación en técnicas minimamente invasivas -Tecmeva-, que se potenciará grazas ao acordo entre o Sergas e a Axencia Galega de Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), que empregarán as súas instalacións para docencia, investigación e divulgación de novas técnicas cirúrxicas, xunto ao desenvolvemento de proxectos de investigación biomédica e procedementos de posta a punto de novas técnicas terapéuticas e de diagnóstico.

Sustentabilidade

Tecnópole vai albergar a primeira comunidade enerxética empresarial galega, coordinada polo Instituto Enerxético de Galicia. Ademais de reducir o consumo, dotarase de maior competitividade ás empresas.

Estase a traballar tamén no desenvolvemento dun plan de mobilidade sustentable. Nesta liña, xa se puxo en marcha un novo servizo de carsharing -vehículo de alugueiro por minutos- froito dun convenio entre o Concello e o Polígono de San Cibrao.

Innovación e transferencia de tecnoloxía

Tecnópole está aliñada coa Estratexia RIS3 de Galicia. Así mesmo, vaise crear un Consello Asesor do Parque que permitirá reforzar os vínculos coas tres universidades galegas, co fin de poder apoiar a transferencia tecnolóxica ás empresas e a creación de iniciativas empresariais que xorden na contorna universitaria. E porase en marcha un servizo de diagnósticos de innovación para as empresas residentes.

Formación e comunicación

O Parque aglutinou baixo a marca “Tecnópole Divulga” todas as súas actividades de divulgación científica e tecnolóxica dirixidas ás futuras xeracións: a feira científica Galiciencia, a Aula Newton, as Aulas Tecnópole e o campamento tecnolóxico de verán T2W; xunto á participación no proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, en colaboración coa Asociación de Parques Científicos y Tecnológicos de España -APTE.

Ademais, o Parque vén de renovar a súa imaxe corporativa e a súa páxina web, que irá incorporando novas funcionalidades nos vindeiros meses.

Tamén pode interesarche