
Ao día!

Entrevista a Oriol Sarmiento, Xerente do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia
Cluergal funciona como unha organización aberta e multidisciplinar na que teñen cabida tecnólogos, promotores, distribuidores e en xeral entidades relacionadas co sector das enerxías renovables e a sustentabilidade enerxética.
Como é a cadea de valor do sector das enerxías renovables en Galicia e a que tipo de empresas aglutina o Clúster?
Cluergal naceu no ano 2010 ao redor das empresas auxiliares do sector eólico. Hoxe o clúster está formado por 87 empresas, centros tecnolóxicos e asociacións profesionais que abarcan todas as tecnoloxías e que pertencen a toda a cadea de valor do sector das renovables, desde grandes promotores de proxectos a empresas de montaxe, obra civil, mantemento, enxeñería e servizos en xeral.
Que tipo de actividades desenvolve o clúster e que servizos presta ás empresas asociadas?
O fin último de Cluergal é reivindicar o papel da cadea de subministración galega nos proxectos enerxéticos e establecer sinerxías entre as empresas. Para iso desenvolvemos unha ampla oferta de eventos, xornadas, formación, misións comerciais a feiras sectoriais e máis actividades, así como canalizar a información sectorial e manter a interlocución do sector coas administracións.
No contexto de transición enerxética actual, cales son os principais retos aos que se enfrontan as empresas que aglutina Cluergal?
As empresas demandan permanentemente axilidade administrativa, un marco xurídico favorable ás renovables e un desenvolvemento continuo e progresivo para alcanzar os obxectivos de 2030 e que non se faga todo ao final, xa que teremos un problema importante coa subministración de materiais ou coa falta de traballadores cualificados. Este último é xa un reto importante para o sector e por iso é crítico deseñar e impartir unha oferta formativa para reciclar traballadores deste e doutros sectores.
Con que fortalezas conta Galicia para posicionarse como unha rexión de referencia no ámbito das enerxías renovables?
Galicia ten vento e auga, recursos que a converteron en territorio de referencia en xeración hidroeléctrica ou eólica. Pola mesma razón, a disposición de recursos, é referente tamén noutras tecnoloxías como é o caso da biomasa ou a xeotermia e ten un enorme potencial para ser referente en xeración de eólica offshore ou de hidróxeno renovable. Pero a maior fortaleza é o coñecemento que xa adquiriron as empresas da cadea de valor e os seus traballadores desde hai xa varias décadas. Grazas a iso hoxe temos capacidades para desenvolver a transición enerxética con éxito e existen, por exemplo, un bo número de empresas galegas montando aeroxeradores por todo o mundo ou enxeñerías facendo proxectos noutros países.
Cluergal forma parte da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde. Que oportunidade estratéxica supón para a Comunidade esta enerxía e como valora a súa implantación?
O desenvolvemento do hidróxeno verde é unha excelente oportunidade para a economía galega. É un vector necesario na transición enerxética, para chegar onde a electrificación non o fai, como é o caso do transporte pesado ou en determinadas industrias. Tamén como vector necesario para o almacenamento enerxético. Estamos atentos aos novos proxectos que se implanten na Comunidade. É moi importante que veñan acompañados dun importante desenvolvemento da cadea de subministración a través de empresas de servizos e coa creación de fábricas de compoñentes, como electrolizadores ou pilas de combustibles, en Galicia.